domingo 25/07/21

Bieito Alonso gaña o Manuel Murguía cun traballo sobre os galegos no sindicalismo da América Atlántica

A obra 'Estendendo a rebelión. sindicalistas marítimos galegos na América Atlántica 1875-1930' foi a escollida polo xurado do XIII Premio de Ensaio Manuel Murguía da Deputación da Coruña.

Bieito Alonso
Bieito Alonso

O historiador Bieito Alonso é o gañador do XIII Premio de Ensaio Manuel Murguía da Deputación da Coruña coa súa obra Estendendo a rebelión. sindicalistas marítimos galegos na América Atlántica 1875-1930. O autor é un dos referentes da historiografía galega cunha ampla obra que xira especialmente arredor da emigración, o exilio e o sindicalismo galego. O premio está dotado con 6.500  euros e a publicación da obra gañadora. 

O xurado valora que a obra "acomódase acaidamente áo xénero ensaio. Investiga a pegada deixada por unha serie de sindicalistas galegos en distintos portos atlánticos de sudamérica e de norteamérica. O libro aborda a relación de Galiza co Atlántico ofrecendo unha lectura novidosa do océano como espazo xeográfico historizable en consonancia coas correntes historiográficas actuais".

O ensaio destaca, segundo o xurado, "por ofrecer unha visión do país no mundo que expande a imaxe que temos da emigración galega

Alén do traballo de investigación na prensa sindical americana e da pesquisa biográfica dos personaxes estudados, o ensaio destaca, segundo o xurado, "por ofrecer unha visión do país no mundo que expande a imaxe que temos da emigración galega. Un fenómeno, este, que non se esgotaría no que tivo de vía de saída para masas de labregos, na conformación de comunidades de emigrados ou na experiencia do exilio, senón que tamén presentaría derivadas proletarias e revolucionarias, especialmente na súa veta anarquista".

No traballo, "o país, lonxe de aparecer como periferia, preséntase como punto neurálxico das grandes rotas atlánticas, tamén no que ten que ver coa circulación de ideas emancipadoras. Unha inserción no contexto global, que fomentou un diálogo directo co outro lado do atlántico, de enorme interese para o presente", apunta o xurado no seu fallo.

O xurado estivo composto por ensaístas como Celia Pereiro, Helena Miguélez-Carballeira, Suso Fernández Acevedo, David Rodríguez e o gañador da edición anterior Martín Fernández Calo, ademais do deputado de Cultura, Xurxo Couto como presidente e a xefa de sección de Cultura, Mercedes Fernández Albalat  como secretaria.

Sobre o autor

Bieito Alonso Fernández (Ourense, 1958) é un dos nomes de referencia nas investigacións sobre Historia de Galiza, con especial dedicación a ámbitos como a emigración e o exilio, o sindicalismo ou o golpe militar e a represión. O autor foi profesor de Xeografía e Historia en Tui, Rabat e Saint Germain en Laye (Francia).

Na súa ampla bibliografía destacan obras como Anarquistas galegos en América (Galaxia, 2019), coa que gañou o Premio da Crítica en 2020 no apartado de investigación. Con anterioridade, publicou obras como O sindicalismo nacionalista galego, 1972-1982, Obreiros alén mar: mariñeiros, fogoneiros e anarquistas galegos en New York (1900-1930)  ou títulos arredor de dúas grandes figuras da nosa historia como son O exilio de Castelao, 1939-1950 e Antón Alonso Ríos. Crónica dunha fidelidade.

Na edición anterior  do premio de ensaio da Deputación da Coruña o gañador foi Martín Fernández Calo coa obra Callaici Principes: Os soberanos da Galiza castrexa despois de que na edición XI, o galardón recara en Raúl Soutelo Vázquez e José Manuel Vázquez Lijó coa obra  O son que coñeceu Ramón Caamaño.

comentarios