Contracultura

Helena Pousa: "Non era unha represión individual, pretendía acabar coa idea da semente a través das familias"

Helena Pousa, presidenta da Comisión pola Memoria Histórica do Baixo Miño, é unha das impulsoras da publicación Mulleres represaliadas no cárcere de Tui (1936-1939) xunto co apoio do Concello de Tui.
Helena Pousa no monumento erguido pola comisión en lembranza dos fusilados en Portecelo (O Rosal). [Foto: Nós Diario]
photo_camera Helena Pousa no monumento erguido pola comisión en lembranza dos fusilados en Portecelo (O Rosal). [Foto: Nós Diario]

—Como foi o proceso de reconstruír a memoria das mulleres represaliadas no cárcere de Tui?
Estaba buscando información sobre unha muller da miña parroquia da que nunca se contara a historia por escrito. Buscando nos fondos do cárcere dinme de conta de que había moita xente que eu coñecía de ouvidas e tamén moitas mulleres. Pareceume que había un filón para facer un bo traballo porque sempre se fala dos homes; os monumentos están levantados na súa honra. Xosé Ramón Paz fixo unha introdución que contextualizara o cárcere do Partido Xudicial de Tui e as etapas represivas da zona producidas antes da Guerra Civil, María Victoria Martíns colaborou explicando o que significaban os cárceres para as mulleres durante o franquismo e as condicións inhumanas que vivían e Marga do Val centrouse na historia de dúas presas, Josefa García Segret e Evangelina Jaso González, a que máis tempo pasou na prisión e a que menos, respectivamente.

Eu, pola miña parte, encargueime de recuperar a historia das mulleres represaliadas que aparecían a través da documentación do rexistro así como dos datos orais que me transmitiron as familias. Tiven que separar aquelas que estaban por represión política das que non, porque tamén hai rexistros de mulleres que estaban aí por un aborto ou un roubo.

Das 91 mulleres que había no rexistro, puiden confirmar que 31 delas estaban aí por motivos de represión política, aínda que pode haber algunha máis que non puiden comprobar, xa que os seus familiares están mortos ou non hai persoas que as recoñezan. Moitas delas non teñen unha biografía máis aló de catro liñas porque son mulleres labregas, pobres ou analfabetas, mais quería dar unha visión de conxunto do que significou a represión neste cárcere, sobre todo porque nunca se ve a prisión como un dos artefactos para a imposición do poder e do terror.

—Hai casos de represión pola súa militancia, mais tamén polo seu parentesco, non?
Claro, mais como entendemos a militancia? As que estaban afiliadas a un partido xa estaban recoñecidas, a súa biografía xa estaba recollida, en maior ou menor medida. Eu quería engadir as historias das que nunca se fala, os nomes dos que non sabemos tanto. A militancia dábase nalgúns casos, os menos, mais realmente en que consiste esa militancia? Se o home foi asasinado por militar, a muller estaba de acordo con esas ideas. Pois non o sabemos.

Quería falar das mulleres de a pé, traballadoras que quedaron na indefensión, porque non temos a súa intelectualidade, non deixaron nada escrito, mais o seu sufrimento está aí.

E logo claro que había unha cuestión de parentesco: Eduardina Jaso, sobre a que fala Marga, non estivo na cadea nin un día porque foi fusilada sen xuízo de ningún tipo. Ela axudara os Fernández Miniño, unha das familias máis represaliadas do Porriño, mais ela xa estaba moi significada precisamente porque a familia Jaso foi unha das máis castigadas en Tui. Non era unha represión individual, senón que pretendía acabar con esa idea da semente.

—Nas entrevistas para recuperar a historia oral, houbo reticencias para falar?
En xeral ninguén me dixo que non, déronme bastante información salvo dous casos: unha neta pensaba que a súa avoa estivera na cadea por roubar unhas espigas, o conto de sempre, e outra non sabía nin que a súa avoa estivera no cárcere. Tamén é certo que os expedientes relativos á represión están desaparecidos, probabelmente destruídos, porque só se poden atopar os relativos a delitos comúns.

Creo que as familias deben estar moi orgullosas destas mulleres en vez de ocultalo e precisamente con este proxecto todo o mundo está coñecendo as súas historias. Sei de xente que é votante do PP que está lendo o libro, así como estudantes. E iso é o interesante, que non está sendo lido polo mesmo grupo de sempre.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios