[VÍDEO] "Hai símbolos que, desgraciadamente, non se poden exhibir": a resposta dun policía a un manifestante franquista

O suceso aconteceu no marco das manifestacións franquistas do pasado 20 de novembro.
#policía (Foto: Nós Diario)
photo_camera O axente, da Policía Municipal de Madrid, dixo que "desgraciadamente" a bandeira franquista non se pode exhibir. (Foto: Nós Diario)

A entrada en vigor da nova Lei de memoria democrática non impediu que o pasado 20 de novembro, máis un ano, decorrese unha nova homenaxe ao ditador Francisco Franco por parte de grupos fascistas e da extrema dereita.

O programa de televisión La Sexta Columna vén de difundir as imaxes da concentración polo 47º aniversario da morte do ditador e nun momento pódese observar como un axente da Policía Municipal de Madrid intenta explicar a un manifestante que non pode mostrar a bandeira do réxime franquista cunhas polémicas palabras.

"Hai determinados símbolos nas bandeiras que, desgraciadamente, por determinadas leis, non se poden exhibir", expresa o policía, nunha intervención que desatou a polémica nas redes sociais.

O Movemento de Militares Demócratas reaccionou á polémica esgrimindo: "Desgraciadamente, polo que sexa ese policía municipal pensa así. Alguén versado minimamente en comunicación advertiría respecto ou submisión ante o seu interlocutor, tanto pola súa comunicación verbal como non verbal. A todo o mundo, polo que for, rínchalle".

Pola súa parte, en relación coas manifestación franquistas decorridas o pasado 20-N, o Goberno español xa anunciou que abrirá expedientes sancionadores aos organizadores polos cánticos e simboloxía que enalteceron do golpe militar de 1936.

"Ante as imaxes que se puideron ver de manifestacións durante o día de onte [polo día 20], con berros, xestos e cánticos que enaltecen o golpe militar, a ditadura e os seus protagonistas, o Goberno abrirá expedientes sancionadores ás persoas e/ou organizacións que protagonizaron estes actos", manifestaron fontes do Ministerio de Presidencia.

Comentarios