Gumersindo Salinas: De asasino en Oseira a verdugo en Vigo

Tenente Salinas
photo_camera [Imaxe: Cedida] O tenente Salinas

Era da mesma feitura cun Francisco  González “O Rabioso”, a facer mal entre as xentes de ben de Vigo ou dun Florentino González Vallés, a sementar morte por Lugo, A Coruña ou Donostia e tamén dun Victoriano Suanzes Suanzes, o home do saco para os bos de Asturias e Ferrol, e así moitos como, Manuel Cebral Caamaño, Xerardo Casanova Martín, Andrés Ocampo Varela e Isidro García Teso daquel corpo benemérito.

Chegou a Oseira coa lección aprendida. Educado naquelas casas cuartel onde ensinaban a disparar primeiro e preguntar despois, formado naquel estado construído desde mediados do século XIX a forza de mosquetón e mauser, programado para ser un servo ao servizo duns poucos e un látego para mallar nos máis, nunca defraudou os amos. Á volta de 1901, cando mandaba a comandancia da Garda Civil de Baiona, saíu a rúa cos seus un martes de carnaval e mallou ao pobo, encirrado por algúns cregos que vían na festa o pecado. Concentrado en Vigo con outras unidades da benemérita da contorna para rebentar unha folga obreira, visitaba as causas dos dirixentes operarios acompañado dunha guillada e na ausencia deles mallaba nas compañeiras, nas nais e nas fillas. Ascendido a tenente chegou a Verín en 1906, deixando pegadas da súa brutalidade, do gusto polo diñeiro procedente das prebendas e do servilismo cos poderosos.

O 2 de abril de 1909 desembarcou na praza de Oseira. Ao mando dunha columna formada por dezaoito gardas civís, dous cabos e un sarxento tentou disolver unha concentración veciñal que impedía a retirada do baldaquino do mosteiro, acordando primeiramente cos manifestantes retirarse do lugar para facer o acordo. Porén, ás doce da mañá, despois de xantar, volveu á praza, onde homes e mulleres retiraban diversos materiais de obra, dando orde de disolverse e abrindo fogo contra as persoas que se atopaban nas proximidades do templo. E así morreron María Paz Fernández, de catorce anos, Manuela González Rodríguez, de vinte e cinco anos embarazada de varios meses, Ramón Fernández, Baltasar Fernández, Anxo Civeira Trigo, Xosé Moure Xil e Manuel González Guerra. E foi premiado, ascendido a capitán, após o terríbel de crime, mantivo o seu destino en Verín, e despois en Pontevedra e tamén en Compostela, onde a ditadura de Primo de Rivera o situou como xefe da garda municipal, só cesado coa chegada da II República.

O golpe militar foi a chispa para volver á primeira liña. Xubilado en Vigo desde 1931, volvera ao servizo activo en 1934 para colaborar na represión á revolución de 1934 pero non será até 1936 no que se incorpore de novo de xeito permanente ao aparello represivo. A comezos de outubro de 1936 o seu nome comeza a aparecer nos consellos de guerra, unhas veces como vogal, outras como secretario e tamén como presidente naqueles xuízos farsas armados polo franquismo para dar cobertura legal ao asasinato do inimigo interno. A súa sinatura esta presente ao pé da sentenza de Casiano Oliveira e outros sete veciños de Porriño, e tamén na de Xosé Fervenza Pena e máis sete mariñeiros de Moaña, e na de Xosé Oubiña Fuentes e así en moitas. A caída en desgraza do delegado de Orde Público de Vigo Francisco  González “O Rabioso” e o seu traslado fóra de Galiza pola súa implicación na trama criminal e corrupta de Lago Búa, abriulle a porta para ocupar de novo un posto chave no entramado do terror, cuns métodos e estilo que non difería do seu predecesor. Non durou moito na responsabilidade, facéndose, ao pouco, coa xefatura da policía municipal da cidade, depurada dos seus sectores demócratas e renovada con persoas procedentes das milicias fascistas da zona.

E chamábase Gumersindo Salinas Fernández, morreu en Vigo o 19 de maio de 1942 con 78 anos e din os papeis que naceu na parroquia do Ribeiro en Bande, aínda que os veciños négano.

Comentarios