O guerrilleiro que non choraba

Un documental de catro estudantes de Audiovisual na Coruña aborda a vida e figura de Camilo de Dios, o último guerrilleiro galego anti-franquista. O traballo completo poderá verse en menos dun mes. O trailer xa está dispoñíbel. Vídeo dentro.

camilo de dios
photo_camera camilo de dios

Camilo de Dios é o derradeiro dos guerrilleiros que fica vivo de entre os centos de homes e mulleres que combateron coas armas na man un réxime, o franquista, que os perseguiu con saña e crueldade procurando o seu exterminio físico e o exterminio dos ideis polos que combatían. Camilo é o guerrilleiro que non choraba. Non chorou cando foi salvaxemente torturado nun cuartel, nin cando a súa nai foi detida e condenada a prisión por ser enlace da guerrila.Tampouco chorou cando se enterou, estando preso, do asasinato do seu irmán, Perfecto, en Ávila. Fillos ambos os dous do fundador do Partido Comunista en Sandiás. Tampouco chorou cando, en 2014, un grupo de voluntarios, grazas á axuda económica dun sindicato noruegués, localizou a foxa onde esta enterrado o seu irmán e exhumou o corpo para lle dar un enterro digno, a loita de Camilo durante os últimos 68 anos. Mais, recoñece, chora vendo unha película. Mais non polo que lle tocou sufrir. "Pasei moitas. Se tivera que me emocionar e chorar por cada unha... Pasei tantas...", afirmou

Catro estudantes de Comunicación Audiovisual da Universidade da Coruña, fixeron un documental sobre Camilo, titulado 'Camilo: o último guerrilleiro de Galica', un traballo do que vén de editar o tráiler oficial. O documental narra a vida de Camilo, unha vida que vai dende a integración de Camilo na guerrilla antifranquista da Limia con tan só 15 anos, o seu paso por distintos cárceres do Estado español e a loita do guerrilleiro por recuperar os restos do seu irmán.

O documental estrearase nun mes e poderá verse de balde na web oultimoguerrilleiro.com, coa posibilidade de acceder a un arquivo de contidos adicionais sobre a vida de Camilo de Dios e sobre a guerrilla antifranquista. Os responsábeis do proxecto fan fincapé “na humildade e fortaleza que amosa Camilo en todo momento pese a todo o que viviu”.

Comentarios