O Grupo de Memoria do Parlamento Europeo clama contra a “pervivencia” do franquismo no Estado español

A Eurocámara acolleu a conferencia “Franquismo post Franco”, organizada co obxectivo de dar a coñecer “a realidade da represión franquista”, “o espolio da ditadura” e os pasos que se están a dar para “rematar coa impunidade”.

Bruxelas franquismo UE

O Grupo de Memoria do Parlamento Europeo, conformado por todos os grupos políticos do Estado español con representación na Eurocámara agás PP, Ciudadanos e Vox, e no que Ana Miranda, do BNG, é a única representante galega, organizou un ciclo de conferencias titulado “Franquismo post Franco” no corazón da Eurocámara.

O obxectivo deste Grupo de Memoria é  dar a coñecer “a realidade da represión franquista”, “o espolio da ditadura” e os pasos que se están a dar para rematar coa impunidade”, para o cal facilitaron a presenza en Bruxelas dun amplo e multidisciplinar grupo de espertos na materia, historiadores, vítimas da represión e xornalistas.

O obxectivo deste Grupo de Memoria é  dar a coñecer “a realidade da represión franquista”, “o espolio da ditadura” e os pasos que se están a dar para rematar coa impunidade”

A portavoz do Bloque Nacionalista Galego en Europa denunciou na apertura do evento que o franquismo “segue demasiado presente nas institucións, na xustiza, na economía, nos nomes de rúas, distincións e privilexios, nas foxas e no incumprimento da normativa internacional de dereitos humanos”, e engadiu en declaracións para Sermos Galiza que continuará a “loitar” contra os obstáculos aos que se enfrentan os investigadores da Memoria e a “impunidade” das “13 fundacións franquistas que aínda existen, como a Fundación Nacional Francisco Franco, a Fundación Yagüe, Fundación Serrano Súñer, Fundación Hijas de Millán Astray ou a escandalosa Fundación Pro Infancia Queipo de Llano”.

Nin “odio” nin “rancor”: xustiza

Da man da eurodiputada de Esquerra Republicana de Catalunya (ERC), Diana Riva, que condenou as “reminiscencias” do franquismo que representa Vox, e o feito de que “Franco morreu, pero os restos perduran”, comezou a primeira quenda de intervencións, dando paso ao galego Telmo Comesaña, presidente da Asociación Viguesa pola Memoria Histórica do 36, ao que seguiron María Lores, neta de vítima da represión; e Laura Díez, da Asociación 13 Rosas de Asturias, que explicou a situación legal na que se atopa o seu grupo en relación á querela interposta contra Ortega Smith, o concelleiro de Vox en Madrid, polas declaracións nas que acusaba ás 13 Rosas de “torturar, asasinar e violar”.

A Comesaña os fascistas matáronlle o pai sendo aínda un cativo, e quixo aproveitar a invitación da Grupo da Memoria para denunciar os mitos e tópicos que empregan os inimigos da recuperación da Memoria, como o feito de que pretenden “reabrir feridas”: “Non temos rancor, nin odio, pero eles roubaron e asasinaron todo o que quixeron, e pola Lei de Amnistía de 1977 pasaron a ser demócratas de toda a vida ao día seguinte, e iso é inxustificábel”.

María Lores, pola súa banda, lembrou na súa intervencións aos seus avós, Aurelio, asasinado durante a represión, e Isolina, que tivo que convivir coa “onda represora” toda a súa vida. “Unha onda que foi especialmente dura coas mulleres”, apostilou.

Franco, “ditador, ladrón e corrupto”

O segundo panel foi presentado por Ana Miranda, e levou por título O espolio da ditadura vixente na actualidade. A portavoz do BNG definiu ás persoas intervenientes como “expertas e loitadores”, e engadiu que levan “gran parte da súa vida loitando pola liberdade e pola dignidade”.

O sociólogo e membro da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (ARMH), Manuel Monge, abriu cunha charla que levou por título “Os restos do franquismo: honras, distincións e privilexios”, estruturada en 20 puntos que considera “restos do franquismo”.

Monge explicou que o franquismo “pervive no Poder Xudicial”, e lanzou unha cuestión do novo Goberno do estado Español que se está a configurar en Madrid, preguntándolle se “asumirá” as demandas das vítimas.  

Ademais, cualificou a Franco de “ditador ladrón e corrupto”, e puxo o foco na “vergoña” do aumento do patrimonio dos seus devanceiros nos últimos 45 anos “grazas aos favores prestados polos sucesivos gobernos da Democracia”.

Juan Miguel Baquero, autor de “El país de la desmemoria”, fixo referencia ao título do seu volume para falar do España como “país desmemoriado”, e trazou unha reflexión sobre o latrocinio levado a cabo “por unha ditadura que fomentou a confusión entre o público e o privado, e que creou unha estrutura mafiosa en torno ao que eles denominaban ‘a patria”. “Franco, como dicía Ángel Viñas, considerábase o Estado e, como tal, necesitaba diñeiro e apropiouse del”, finalizou.

O acabamento da mesa de intervencións encabezada por Ana Miranda correspondeulle ao investigador Carlos Babío, que lembrou a “usurpación” por parte dos Franco do Pazo de Meirás, “un lugar no que non hai nada no que non fose pagado polo erario público e que non lle fose arrebatado á cidadanía”, e ironizou co feito de que o NO-DO “mentiunos durante 40 anos”, xa que “sempre contaba que o Pazo de Meirás era un regalo por subscrición popular”, pero hoxe a familia de Franco sostén que “o que vale é a escritura de 1941, que indica que se trata dunha compra-venta entre particulares, non a de 1938”.

“Impunidade, a palabra que define ao sistema da transición”

Miguel Urbán, eurodeputado de Unidas Podemos, foi o encargado de introducir o terceiro e derradeiro panel das xornadas, denominado O dereito á xustiza, acabar coa impunidade do Franquismo. O líder anticapitalista criticou o réxime do 78 e definiu a transición ao sistema actual cunha soa palabra: “Impunidade”. 

Tamén se pronunciou sobre a exhumación do ditador, cualificándoa de “avance”, pero apostilou que “máis importante que exhumar ao franquismo, é exhumar o franquismo das nosas institucións”, e apuntou a que o Grupo da Memoria desexa “que se deixe xulgar aos criminais no noso país, e, se non, que se deixe xulgar fora”, en relación á querela arxentina contra os crimes do franquismo.

Inaugurou esta quenda de intervencións Soledad Luque, da asociación Todos los Niños Robados Son También Mis Niños, estabelecendo unha “necesaria” vinculación do drama denunciado pola asociación coa Memoria Histórica.

Após súa conferencia, falou Mercedes Sánchez, da Asociación por la Recuperación de la Memoria Histórica de Aragón (ARMHA), que aseverou que “se estas xornadas fosen as últimas, iso querería dicir que o franquismo estaría morto por fin”. 

Sánchez, que tamén exerce como representante da Coordinadora Estatal de Apoio á Querela Arxentina contra o franquismo, continuo cun exercicio para intentar rememorar aos miles de desaparecidos en foxas comúns, e acusou as trabas que Patrimonio Nacional puxo a 31 familias de todo o Estado español para recuperar os restos dos seus seres queridos asasinados durante a Guerra Civil Española e a represión, pese a contar cunha sentencia ao seu favor.

Este terceiro bloque contou coas letradas Jana Calero e Irene Álvarez, do Grupo de Avogados Novos de Vigo, que explicaron a situación actual das querelas polos crimes do franquismo. Acusaron o estado español de “obstaculizar” de forma continúa a querela arxentina que instrúe a xuíz María Servini.

Clarificaron a situación da demanda no país austral, definíndoa como unha opción “acumulativa” a unha estratexia de ir esgotando as instancias internas até pasar aos organismos internacionais, porque “o acontecido no Estado español non foi un probelma doméstico, senón un delito internacional de crimes de lesa humanidade”, e apostilaron que España “ten a dubidosa honra de ser dos poucos estados, e o único en Europa, que cando se deixou atrás unha ditadura non se investigou a ninguén”.

O terror das persoas torturadas

Contra o final do evento tivo lugar o momento máis duro e emotivo. Miguel Ángel Gómez Gus, da Asemblea Republicana de Vigo; e Rosa García, da Comuna de presas e represaliadas do franquismo, explicaron as terríbeis torturas ás que foron sometidas polas forzas represoras do réxime de Franco.

Gus, que está personado na querela arxentina, foi sometido pola policía española a torturas durante a primeira metade da década dos 70, provocándolle unha serie de secuelas físicas e psicolóxicas que chegan até o día de hoxe.

“Sendo detido por primeira vez en 1971, acusado de pertencer á Liga Comunista Revolucionaria –explica Miguel Ángel Gómez-, xogaron comigo á pita cega, dándome unha brutal malleira á vez que me insultaban. Na segunda detención fixéronme o pato, que consiste en andar coas mans atadas detrás das pernas; e tamén o quirófano, no que un policía golpéache moi forte debaixo do peito, tanto, que temes sufrir unha parada cardiorespiratoria; ou lembro cando, estando sentado coas mans atadas ás costas, obrigábanche a a estirar os pes, pegando nas plantas cunha porra unha e outra vez, cunha dor que ía en aumento con cada golpe”.

“Mais o peor –prosigue- foi cando un día Billy El Niño –alias do policía franquista Antonio González Pacheco- e varios dos seus compañeiros apareceron armados na nosa cela, dicindo que se amotinaran e que se non ‘cantaba’, me matarían, á vez que me apuntaban coa arma”.

Pola súa banda, Rosa García describiu no discurso máis emotivo da xornada o fenómeno do terror do fascismo desde a óptica feminina: “As mulleres non nos librábamos nin dos malos tratos nin das torturas, físicas e verbais. Chamábannos putas, guarras e de todo, e moitas veces chegaban a nin sequera facilitarnos compresas ás presas cando tiñamos a menstruación. O obxectivo era estender o terror, e non só a nós, senón as nosas familias, seres queridos, amigos...”.

Relatou, asemade, como foi a experiencia de ser torturada por Billy El Niño, ao que definiu como “un home de aspecto desagradable e que incluso cheiraba mal”, condenando tamén o feito de que teña concedidas catro medallas ao mérito policial, “unha distinción que se estabelece cando un policía pon en risco a súa vida, pero el nunca estivo en perigo”.

“E todo por ser mulleres que nos saíamos da orde e do curro do que supostamente tiña que ser unha muller”, concluía Rosa García.

Comentarios