As guerrillas galegas ao descuberto

Antón Grande: “Os primeiros momentos da guerrilla foron pouco efectivos”

Antón Grande Penelas (Lugo,1953) é un veterano do xornalismo galego. Premio Galiza de Xornalismo de 1989 por un conxunto de reportaxes sobre a guerrilla galega publicados nese mesmo ano no diario El Progreso, neste terza feira volve ao tema en Nós Diario cunha investigación sobre a prensa e a comunicación guerrilleira.

 

Antón_Grande_(AELG)-3
photo_camera Antón Grande. (Foto: AELG)

Leva máis de 40 anos investigando e divulgando a historia da guerrilla nas comarcas do centro de Lugo, que destacaría da súa actividade nos primeiros momentos da mesma?

Os primeiros momentos da guerrilla foron pouco efectivos. Hai que ter en conta que a guerrilla xorde co comezo da Guerra Civil e moitos dos que formarían a guerrilla son fuxidos que escapan ao monte por medo ás represalias dos fascistas e mesmo a represalias familiares ou veciñais.

Son polo tanto xente que fuxe pero que apenas si dispón de armamento nin dunhas directrices xa que en grande parte dependen do acubillo que lles dan familiares e veciños, agardando que a guerra dure pouco e poder retornar ás súas casas.

"A guerrilla, neste caso da man do Partido Comunista, chegou a actuar mesmo moi preto da cidade de Lugo"

A reconstitución do PC en Lugo dálle unha nova dinámica a resistencia armada, como caracterizaría este novo período?

Foi un período interesante porque a guerrilla, neste caso da man do Partido Comunista, chegou a actuar mesmo moi preto da cidade de Lugo xa que ademais tiñan un bo número de integrantes e tamén de armamento para poder levar a cabo as accións.

Unha das referencias da guerrilla e do PC en Lugo foi Enriqueta Otero, persoa que coñeceu e tratou, que sinalaría dela?

Enriqueta era unha muller da época que lle tocou vivir. Era moi stalinista e logo entre os vellos camaradas tiña mala fama porque cando a feriron, levaba con ela o ficheiro da guerrilla en Lugo polo que, a causa diso caeron máis de 50 guerrilleiros, algo que moitos non lle perdoaron porque non só se desarticulou a guerrilla senón que houbo torturas e cárcere para os detidos.

"Enriqueta Otero era unha muller da época que lle tocou vivir"

A súa achega no coleccionábel de Nós Diario sobre a guerrilla céntrase prensa e comunicación, con cantos xornais contaron as guerrillas galegas?

 Tiveron varios medios como Vida Guerrillera, El Guerrillero, Senda Guerrillera, ou Mundo Obrero pero é que ademais tiñan outros medios de comunicación como os panfletos e, maiormente, guías e ensinanzas de como comportarse entre eles e co pobo, con consellos como manter limpas a armas, a limpeza dos propios guerrilleiros como imaxe de cara á xente a tamén para evitar doenzas ou como colocar bombas nunha vía férrea.

Recolle no seu traballo unha carta de amor entre un guerrilleiro e a súa moza remitida a través dun enlace, que sabemos das relacións de parella nese contexto de clandestinidade?

As relacións de parella dábanse con certa frecuencia. Por unha banda, había guerrilleiros que tiñan a súa parella con eles no monte, logo había esas comunicación por escrito aproveitando calquera enlace para dar conta de como se topaban e do seu cariño cara á parella e, finalmente, non hai que esquecer que os invernos na Galiza son longos e a actividade, tanto a guerrilla como a represión, freábanse bastante e nos casos dos guerrilleiros, tiñan tempo para estar coas parellas nesas épocas ou permanecer sempre xuntos como é o caso do “Gardarríos”, que foi asasinado xunto coa súa compañeira, ou do "Piloto", que vivía con “Mirella” até que o mataron.

Comentarios