Golpistas e verdugos de 1936 en Compostela

O golpe de Estado de 1936 supuxo para Compostela o mesmo que para moitos outros lugares onde os militares e as forzas que colaboraron con eles conseguiron impoñerse sobre os defensores da República. Dende finais de xullo fóronse pondo en práctica os diferentes repertorios de violencia que serían empregados para castigar a unha parte da sociedade pola súa lealdade ao réxime republicano. Santiago non foi unha excepción, pois os seus veciños tamén se viron involucrados nos procesos: como vítimas, pero tamén como verdugos. 
Acto organizado polo franquismo en 1938 na Praza do Obradoiro. (Foto: El Eco Franciscano)
photo_camera Acto organizado polo franquismo en 1938 na Praza do Obradoiro. (Foto: El Eco Franciscano)

Os verdugos da retagarda

Nin en Santiago nin en Galiza houbo guerra, mais si existiron vítimas. A pesar de que os golpistas conseguiron facerse co control en poucos días, contabilízanse para Galiza máis de 4.000 asasinados entre 1936 e 1945. Todos nun territorio que sempre se mantivo alonxado das frontes bélicas, e no que polo tanto as mortes non teñen que ver con estas, se non con lóxicas moi diferentes (Babiano Mora; Gómez Bravo; Míguez Macho; Tébar Urtado, 2018: 93).

Unha parte da sociedade compostelá sufriu procesos de violencia extrema, mesmo chegando a ser asasinados. Na cidade foron executados, entre outros, e tras sentenza en consello de guerra, parte daqueles que formaran o Comité de Defensa da República, que tentara organizarse para enfrontarse a unha posible saída das tropas militares á rúa. Entre eles atopábase o primeiro tenente de alcalde, Xosé Xermán Fernández, e outros representantes políticos e sindicais locais. Outros persoeiros como Ánxel Casal, galeguista e último alcalde republicano da cidade, ou Camilo Díaz Baliño, artista e empregado municipal, foron paseados, é dicir, asasinados sen que recaese sobre eles unha sentenza dun tribunal militar. Outros pasaron pola cadea, perderon o seu posto de traballo ou sufriron a persecución e as vexacións do novo réxime durante anos (Beramendi, 2003: 562-564).

Porén, para que existisen estas vítimas, tiveron que existir verdugos. A pesar de que a dirección do golpe e a construción dunha nova orde foi dirixida por militares, os procesos violentos tiveron moitos outros protagonistas. A apertura de causas e a celebración de consellos de guerra, dentro do marco da xustiza militar, tiña como responsables membros do exército, que eran os que establecían os cargos e os que ditaban a sentenza dos procesados.

Dende a execución até penas de cárcere que podían chegar a cadea perpetua. Aqueles que foran conspiradores e golpistas na cidade, como o tenente Gutiérrez Cabeza, pasaban a participar nas causas; a máxima autoridade militar en xullo de 1936, o comandante de artillaría Bermúdez de Castro, chegará a presidir consellos de guerra. Os informes de conduta, sen embargo, implicaban a outros axentes. Os delegados de orde pública de Santiago, un cargo á fronte do que se atopaba un membro da Garda Civil, participaron nas detencións, puxeron presos á disposición dos militares e elaboraron informes nos que facían constar os antecedentes políticos e de conduta dos procesados; o arcebispo, Tomás Muñiz de Pablos, chegou a prohibir aos párrocos que emitisen informes de boa conduta.

Tampouco faltaron aqueles que testemuñaron en causas contra outras persoas, ou que mesmo as acusaron para que fosen detidas. Luís Martínez Nouche, que sería executado, denunciaría nunha carta que fora detido debido á confidencia de dous empregados de arbitrios do concello (García Ferreira, 2018: 146-160).

Máis complicado é falar daqueles que foron paseados. Aqueles asasinados sen unha sentenza adoitaban aparecer nas beiras das estradas ou camiños despois da súa execución. No rexistro de defunción adoitaban empregarse eufemismos que remitían a un disparo, pero sen maior referencia que indicara como se producía a morte, e moito menos a mans de quen. No caso de Santiago, moitos dos que foron paseados correspóndense con involucrados en vellas liortas ou conflitos anteriores.

Ánxel Casal levara a cabo dende a alcaldía unha importante actividade de control sobre a Falanxe, ilegalizada tras as eleccións de febreiro de 1936, ordenando diversas detencións dos seus membros. José Devesa Areosa participara, en febreiro do mesmo ano, nun asalto ao Centro Tradicionalista. Outro exemplo foi o de Narciso Vidal Fraga, que exercera como delegado gobernativo na cidade.

Se queres seguir con esta lectura só tes que ir ao teu quiosque de confianza ou acceder á nosa tenda online para mercar o Nós Diario de hoxe. Asegura o resto de capítulos do coleccionábel facendo a subscrición agora mesmo!

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios