O Goberno español traslada as competencias sobre o BIC de Meirás á Xunta

A lea sobre as responsabilidades á hora de defender os bens mobles do pazo ante a intención da familia do ditador de retiralos segue un día máis. Por outra parte, a Xunta anunciou hoxe que incoará este mes a declaración da Casa Cornide -tamén en mans dos Franco, que intentaron vendela- como Ben de Interese Cultural (BIC).
Vista da entrada da Casa Cornide, na Coruña, outro dos bens en mans dos Franco. (Foto: M. Dylan / Europa Press)
photo_camera Vista da entrada da Casa Cornide, na Coruña, outro dos bens en mans dos Franco. (Foto: M. Dylan / Europa Press)

No medio do baile de discursos sobre de quen son as competencias sobre a declaración do pazo de Meirás como Ben de Interese Cultural (BIC), o Goberno español lanzou hoxe a responsabilidade á Xunta ao considerar que debe ser esta Administración a que amplíe o BIC “aos bens mobles e inmobles” do complexo para que a familia Franco non teña posibilidade de retirar nada.

Malia que as e os achegados do ditador contan cunha sentenza xudicial favorábel, parouse o prazo dun mes que tiñan para retirar os obxectos -entre os que pensaban levar algúns xa declarados BIC como a biblioteca de Emilia Pardo Bazán (que agora semella unha posíbel doazón á Real Academia Española (RAE) que se estudaría) e as estatuas de Abraham e Isaac atribuídas ao Mestre Mateo- e agora as institucións intentan protexelos.

Porén, non hai un acordo claro sobre a quen lle corresponde dar o primeiro paso no camiño do BIC despois dos distintos recursos achegados ante a Xustiza para adiar a mudanza de elementos que, nun inventario de expertas, pertencen ao pobo.

Despois de que o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, demandase ao Estado “ferramentas” para preservar os bens con garantías xurídicas e insistira en que a ampliación do BIC a esa parte do pazo corresponde ao Executivo español, este negou tal responsabilidade a través do Ministerio da Presidencia, Relacións coas Cortes e Memoria Democrática.

Asegura que o 7 de maio remitiu un documento no que "se lembra ao Executivo autonómico que é obrigación da Administración do Estado, como propietaria do Pazo de Meirás, pór en coñecemento da Xunta da Galiza a existencia de diversos bens, mobles ou inmobles, claramente asociados aos valores históricos que xustificaron a declaración do BIC do pazo de Meirás".

Mais, remarcan, que é competencia do Goberno galego “solicitar a iniciación do procedemento de modificación da declaración de ben interese cultural das Torres de Meirás para incluír nela a identificación e a descrición das partes integrantes e os bens mobles que, pola súa ligazón co inmoble, deban incorporarse á declaración.

Obxectivo: a Casa Cornide

O argumento que fornece é que a modificación abrangue a un decreto da Xunta e, ademais, é o que indica a Lei de Patrimonio Histórico. En calquera caso, hoxe o delegado do Estado na Galiza, José Miñones, confesou o seu optimismo porque hai un “obxectivo común”.

O Concello de Sada segue a traballar á marxe destas disputas e hoxe presentou ante cultura unha solicitude para o cambio do BIC.

Tamén en relación coas propiedades galegas en mans dos Franco, o conselleiro Román Rodríguez anunciou esta cuarta feira que incoará este mesmo mes o expediente para declarar BIC a Casa Cornide da Coruña, que a familia do ditador tamén intentou vender e da que, segundo algunhas denuncias, retirou bens.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios