O Goberno español pedirá a execución provisional da sentenza da devolución de Meirás

O ministro de Xustiza, Juan Carlos Campo non precisou que uso dará Estado ao Pazo.
Meirás, franco, europa press
photo_camera (Foto: Europa Press)

O ministro de Xustiza, Juan Carlos Campo, anunciou hoxe que o Goberno estatal solicitará a execución provisional da sentenza que devolve ao Estado a propiedade do Pazo de Meirás para saldar unha "débeda histórica".

"Hai un ano tivemos a  exhumación do ditador e agora instamos a execución provisional da devolución aos españois do Pazo de Meirás. Creo que é o camiño adecuado", dixo Campo á prensa, tras unha videoconferencia co delegado do Goberno na Galiza, Javier Losada, a Avogada Xeral do Estado, Chelo Castro, e o xefe da Avogacía en Galicia, Javier Suárez.

Campo non precisou que uso dará Estado ao Pazo de Meirás, ao considerar que aínda é pronto, incidindo en que "o verdadeiramente importante é que sexa o Estado o que teña a xestión, e non a Fundación Francisco Franco".

A sentenza ditada o pasado 2 de setembro pola maxistrada Marta Canles declarou a nulidade da doazón efectuada en 1938 da "leira denominada Torres ou Pazo de Meirás ao  autoproclamado xefe do Estado, Francisco Franco Bahamonde, por carecer do requisito esencial de forma".

Ademais, a titular do xulgado de primeira instancia número uno da Coruña condenou a familia Franco á súa devolución sen ser indemnizada polos gastos nos que afirma incorrer para o mantemento da propiedade.

Campo defendeu que, "sen prexuízo das resolucións xudiciais" que quedan por coñecerse, a execución provisional é "un instrumento absolutamente legal e normal no mundo xurisdicional".

Comentarios