O Goberno español di que chamar 'Generalísimo' a Franco é ''bagaxe cultural''

Faino en resposta parlamentar a Amaiur, quen cuestionou o uso deste tratamento, exixido polo propio ditador para si propio e vinculado directamente ao franquismo, no cartaz explicativo da súa máscara mortuoria no museo do Exército.

Franco e Fraga
photo_camera O ditador estreita a man de Fraga [Arquivo SG]


O Goberno español xustifica en criterios "históricos e léxicos" que se manteña a forma 'Generalísimo' para falar do ditador Franco. Así o sinalou nunha resposta parlamentar dirixida ao deputado de Amaiur Jon Iñarritu, quen pediu explicacións no Congreso pola redacción do texto que explica, no museo do Exército, a 'máscara mortuoria do Generalísimo D. Francisco Franco Bahamonde'.

O PP xa argumentara "nun criterio historiográfico e museístico" que nese mesmo cartel o ditador aparecera cualificado como 'Heroe de España'. Malia que foi o propio Franco quen exixiu ser tratado de 'Generalísimo', di o Executivo de Mariano Rajoy que "é como se lle chamaba na época" e que, por tanto, o cualificativo deberá ser entendido como "bagaxe cultural". 

Franco "non foi un ditador" e Escrivá de Balaguer "recibiu ordes de Deus"

Quen fixo o cartel? A Real academia da historia. A mesma institución publicou un Dicionario biográfico español cunha entrada onde Luís Suárez, membro da Fundación Francisco Franco e ex alto cargo no franquismo, describe ao ditador como "autoritario mais non totalitario" e refírese a el sempre como "Generalísimo ou Jefe del Estado". De Escrivá de Balaguer, o fundador do Opus Dei, sinala que "recibiu ordes directas de Deus".

"Considera o Goberno que Franco foi un heroe de España? A que responde a decisión de cualificar a Francisco Franco como Generalísimo e non como Ditador? Ten intención o Goberno de modificar esta denominación?", inqueriu Iñarritu na pregunta parlamentar que elevou ao Executivo español. Di o refraneiro que quen cala outorga, e desde a Moncloa gardaron silencio a respeito de posíbeis mudanzas. 

Contra a Lei de Memoria Histórica

"No discurso museográfico emprégase como elemento textual identificativo e non foi motivo de obxección por parte do grupo de expertos da Real academia da historia, que se ocupou da revisión dos textos que, como xa se indicou, foron elaborados con estritos criterios museográficos", sinala a resposta do Goberno español.

Porén, as denominacións 'Generalisimo' e 'Heroe de España' vulnerarían a Lei de Memoria Histórica, que exixe expresamente a retirada "de mencións conmemorativas de exaltación, persoal ou colectiva, da sublevación militar, da Guerra Civil e da represión da Ditadura".

Franco ten tamén a cruz laureada de San Fernando, a condecoración militar máis importante no Estado español e que distingue, literalmente, "un valor heroico ao servizo de España". O ditador recibiuna en 1939, namentres que a máscara mortuoria, o outro obxecto custodiado no museo do Exército polos que preguntou Amaiur, foi feita en bronce o día da súa morte, o 20 de novembro de 1975, na cama.

Comentarios