Fernanda Cedrón, neta do guerrilleiro Luís Trigo Chao

'O Gardarríos representa a conciencia e a entrega política"

Fernanda Cedrón Trigo é a neta maior de Luís Trigo Chao ‘O Gardarríos’, o máis lembrado guerrilleiro das terras do norte. Na súa condición desenvolveu e desenvolve unha intensa labor na recuperación da loita do seu avó, ao tempo que participa de xeito decidido na restauración da memoria daqueles que loitaron contra o franquismo. Falamos con ela do seu avó e da homenaxe á súa memoria que este sábado 23 de xuño se vai realizar en Mondoñedo (Casa da Xuventude, 12 h) e Vilanova de Lourenzá (cemiterio, 17.30 h) coincidindo co setenta aniversario do seu asasinato.

Screen Shot 2018-06-20 at 11.21.06
photo_camera Luís Trigo Chao, co xeonllo apoiado no chan [Foto cedida por Andrés García Doural]

-Como sabes da existencia do ‘Gardarríos’?

-Souben desde sempre. Eu nacín e crieime en Cabanas (O Vicedo) canda a miña avoa, a primeira das compañeiras de Luís, e as súas irmás, persoas que sufriron tamén unha dura represión. Polo que a experiencia e a loita do meu avó sempre estivo presente. A Garda Civil viña pola casa, tamén aparecían persoas descoñecidas que despois souben que eran fuxidos, notaba como calaban conversas diante miña e todo isto fixo que percibira cousas que non me cadraban desde moi pequena. Por outra banda, aquelas cousas que me agochaban na casa atopeinas fóra, nas xentes de Cabanas ou de Viveiro que me collían no colo, que me daban bicos ou que me dicían “se te vise teu avó que feliz e orgulloso ía estar”. Os rapaces son rapaces pero non son parvos, por iso podo dicir que cando fixen a primeira comuñón sabía perfectamente quen era ‘O Gardarríos.’

-Que che transmitiron na casa sobre o teu avó?

-A miña avoa e as súas irmás eran persoas politizadas, como xa che comentei antes. A pesar de que rachara a comezos dos anos vinte a súa relación de parella con Luís, seguiron mantendo unha relación, o meu avó non deixou de preocuparse pola familia e o meu avó non deixou de vir pola casa até o seu asasinato. Tanto é así que eu nacín o día 3 e non me inscribiron no rexistro até o día 14 para facilitar que meu avó viñera verme e non fora detido, xa que chegara un soplo de que a Garda Civil controlaba o rexistro para ir a por el coincidindo co meu nacemento. Con isto quero dicirche que a presenza do meu avó, pero tamén do loitador antifascista, estaba moi presente no núcleo de Cabanas e tamén as ideas e os valores polos que loitou. Son das que penso que a unidade na diversidade ideolóxica que se dá na guerrilla veuse favorecida pola conciencia antifascista xa presente no período republicano. A ilusión e a entrega da miña avoa, das súas irmás, do núcleo familiar de Viveiro non é doada de entender nos tempos de hoxe.


Screen Shot 2018-06-20 at 11.00.41

-Que significarías e destacarías da figura e da loita de Luís Trigo Chao?

-A entrega e a conciencia política. Aínda lembro aquel libro de Sacco e Vanzetti editado en Cuba co que xogaba no faiado da casa de Cabanas, ou as informacións que me transmitiron sobre a súa participación no movemento obreiro en Cuba, ou no seu labor á fronte do partido socialista en Mondoñedo. Por non falar daquilo que é máis coñecido e que ficou máis presente na memoria popular, como son os seus máis de 12 anos de resistencia armada ao franquismo. Unha cuestión importante desta última etapa é a súa independencia de criterio e a súa capacidade de analizar criticamente o momento político, concretamente as dúbidas que tiña sobre a posibilidade dun apoio exterior á causa dos demócratas, xa no desenvolvemento da Segunda Guerra Mundial, cando a maioría da oposición ao franquismo tiña postas as súas esperanzas nos aliados. É necesario destacar as motivacións políticas da loita guerrilleira, aínda máis cando o obxectivo do franquismo e tamén dos seus herdeiros é baleirala deste contido.


-Comentabas antes que a persecución non afectou só a Luís senón que chegou a toda a familia?

-Efectivamente. Miña avoa Xosefa; as súas irmás Neves e Virxinia; miña nai, Maruxa; e as miñas tías foron perseguidas sen tregua até a morte do avó. Non só eran obxecto de seguimento e vixilancia pola Garda Civil, senón que pasaran por diversas cadeas como Viveiro ou Lugo, e tamén por diferentes campos de concentración. Toda a familia chegou a estar presa, por exemplo no campo de concentración de Figueiras en Castropol ou noutro campo de concentración en Ribadesella, utilizadas como unha sorte de reféns pola ditadura. A persecución non parou coa morte do avó, seguindo de distinto xeito, por exemplo, como meu curmán Susito e ao meu irmán Mariano ao que lle denega a posibilidade de ser voluntarios no servizo militar por ser neto do ‘Gardarríos’.

-A represión, polo que contas, marcou de xeito decidido a túa familia.

- Non podía ser doutro xeito. Pensa, por exemplo, que miña nai entrou na prisión con 14 anos e non deixou de saír dela en diversas ocasións até a morte do meu pai. Este era un tema do que non lle gustaba falar a miña nai, polo que tampouco teño unha información precisa. Pero si conto con detalles que miñas tías comentaban e dan a medida do que foi aquilo. Estando presas en Ribadesella co resto da familia foron postas en liberdade un 18 de decembro. Non tiñan diñeiro para pagar o desprazamento até Cabanas e viñeron andando en zapatillas durante seis días e noites no medio dun temporal de vento e de neve, en pleno inverno. Non son de estrañar logo as súas prevencións posteriores ou o seu temor aos meus compromisos sociais e políticos, tanto é así que para miña nai os partidos de dereita sempre foron herdeiros do fascismo.


-Que significa para ti a homenaxe que se vai organizar ao teu avó en Lourenzá con motivo do 70 aniversario do seu asasinato?

-O acto de Lourenzá do 23 de xuño ten un compoñente persoal e outro político. Como neta de Luís nunca puiden imaxinar que nalgún momento se chegara a organizar unha homenaxe, pero tamén como filla de Maruxa, neta de Xosefa e sobriña de Neves e Virxinia, non esquezo todo o que elas sufriron, as humillacións das que foron vítimas e o que máis desexaría é contar coa súa presenza, para que elas visen como a súa loita serviu e tivo recoñecemento. É imposíbel neste momento non lembrar tamén o medo e o desprezo que sufrín simplemente por ser neta de Luís, ou cando a miña tía Virxinia me pedía que agachara a cabeza cando pasabamos por diante da casa dalgúns fascistas en Viveiro. Agora como persoa comprometida coa causa da memoria, o máis importante é contribuír coa miña presenza a devolverlles aos resistentes, aos guerrilleiros, aos demócratas a débeda que temos contraído con eles.

Nota: A fotografía de Fernanda Cedrón é da autoría de José Luíz Oubiña.

Esta entrevista fai parte do A Fondo dedicado monograficamente á debullar a figura do 'Gardarríos?, que viu a luz a quinta feira 14 de xuño no número 300 do Sermos, disponíbel aquí.

Comentarios