O elo perdido da represión franquista

Garda Civil e a represión na Galiza

A Garda Civil é un corpo creado en 1844 con funcións de seguridade e orde pública, mais tiña tamén unha compoñente política: a súa creación estivo inicialmente na base do esforzo centralizador do Estado liberal, e posteriormente serviu tamén para o control de movementos populares agrarios ou obreiros. Despois do golpe a Garda Civil exerceu tamén un papel chave na política represiva, con enorme responsabilidade no control das milicias, a persecución da disidencia e a execución da represión extralegal. 
Dotación da Garda Civil nas minas de Fontao en Vila de Cruces. (Foto: Fontao na retina)
photo_camera Dotación da Garda Civil nas minas de Fontao en Vila de Cruces. (Foto: Fontao na retina)

Garda Civil e a represión

Non foi unha sorpresa que a Garda Civil apoiase de forma entusiasta o golpe militar, tendo en conta a tradición represiva da benemérita sobre os movementos sociais na Galiza, obreiros (A Coruña, 1901) e sobre todo agrarios (Salcedo, Oseira, Nebra, Sedes, Sofán, Sobredo, entre outros). Xa en abril de 1936 un grupo de gardas civís destinados na Galiza e comandados por Benito de Haro participara nunha conspiración para rematar coa república; os implicados eran Florentino González Vallés, José Leseduarte, Victoriano Suanzes e os irmáns Rodrigo e Perfecto Santos Otero. Malia que o complot foi descuberto e algúns dos participantes foron dispersados en destinos lonxe da Galiza, no 36 a maior parte deles estaban de volta no país. 

A implicación da Garda Civil foi indispensábel na execución e no éxito do golpe militar na Galiza. As forzas deste corpo armado apoiaron maioritariamente o golpe e participaron tanto nos combates de rúa nas localidades onde existiu resistencia organizada como no control preventivo do resto do país. As investigacións do proxecto Nomes e Voces só recollen como excepción unha decena de gardas civís que foron obxecto da represión. 

A Garda Civil foi chave na implantación dun réxime de Terror, pois nesa altura non existía outra forza con capacidade para exercer unha política represiva a grande escala: a Falanxe estaba aínda en formación, outras milicias actuaban en ámbitos reducidos, e o exército non contaba coa implantación territorial precisa, ademais de estar entregado ao esforzo bélico.

Só a Garda Civil tiña infraestrutura e medios, posuía adestramento e aptitude, e sobre todo e o máis fundamental, amosaba a actitude precisa para se converter no eixo sobre o que pivotar unha política represiva que abranguese toda a xeografía galega. En 1936 as forzas da Garda Civil na Galiza eran as que pertencían ao 6º Terzo, distribuídas nas comandancias provinciais da Coruña (con tres compañías: Ferrol, Santiago e A Coruña), Lugo (Viveiro e Lugo), Ourense (Verín e Ourense) e Pontevedra (Vigo e Pontevedra); o organigrama completábase cunha estrutura radicular que abranguía 36 liñas e 177 postos da Garda Civil. 

A organización da represión foi desigual en todo o territorio galego, mais a presenza da Garda Civil foi unha constante en todo o país. A dirección da represión estivo nas mans dos delegados de orden público, figura creada pola Lei de Orde Pública de 1933, que habilitaba os gobernadores civís para nomear estes delegados en zonas da súa xurisdición. Dos catro gobernadores civís nomeados inicialmente na Galiza, os de Pontevedra (Ricardo Macarrón Piudo) e A Coruña (Florentino González Vallés) eran gardas civís, mentres os de Ourense e Lugo eran militares retirados; os de Pontevedra, A Coruña e Ourense exerceron o cargo de delegados ao tempo que o de gobernador civil, mentres o de Lugo non parece que asumise o cargo de delegado.

No seguinte chanzo organizábase todo un sistema de delegados de Orde Pública por zonas (así, Leseduarte en Santiago e Suanzes en Ferrol), partidos xudiciais ou concellos, que podían ser gardas civís, militares retirados ou paisanos. E máis abaixo estaban as milicias que se organizaban en cada localidade, cos seus mandos propios, mais subordinadas aos delegados de orde pública e supervisados pola Garda Civil.  

Segundo as investigacións do proxecto Nomes e Voces, de todas as mortes producidas pola represión na Galiza, máis de dous terzos corresponderían con asasinatos extraxudiciais: persoas que eran sacadas das cadeas para executalas en cemiterios ou lugares retirados de zonas poboadas, e tamén persoas agochadas que eran capturadas e executadas sumariamente. Nas sacas normalmente tiñan intervención tres tipos de axentes: os funcionarios dos estabelecementos que entregaban os presos, os executores que se facían cargo deles para asasinalos, e as autoridades que asinaban as ordes que xustificaban a saída. Na práctica, resultaba rara a saca que non contase entre algún destes tres tipos de axentes cun garda civil, existindo mesmo a posibilidade de que todos eles foran gardas civís…

Gostarías de seguir lendo? O único que tes que facer é procurar Nós Diario no quiosque ou libraría máis próxima ou acceder á súa lectura na nube a través da nosa tenda online. Aproveita as promocións actuais e formaliza esa subscrición na que levas tempo pensando!

Comentarios