Unha achega aos vitimarios no Salnés

A Garda Cívica da Illa de Arousa

Na dinámica represora dos sublevados en xullo de 1936, tiveron especial protagonismo, sobre todo na represión extraxudicial, diversas milicias paramilitares como as de Falanxe, Xuventudes de Acción Popular e gardas cívicas (con diferentes nomes segundo a localidade). Neste artigo falamos da Garda Cívica que actuou na Illa de Arousa; utilizamos como fonte os datos achegados pola xustiza militar, que abriu procedemento por presuntos abusos e irregularidades cometidas polos xefes e outros membros.
Dirixentes da esquerda da Illa de Arousa na etapa republicana. Entre outros: José Búa Laredo, Antonio da Costa Bravo 'O canteiro', Segundo Nine Fernández, Manuel Ferro Abalo 'O Mangolexa', Jesús Besada Rivas, Alfonso Otero Otero e Luís de Saa Bravo. (Foto: Arquivo Antón Mascato)
photo_camera Dirixentes da esquerda da Illa de Arousa na etapa republicana. Entre outros: José Búa Laredo, Antonio da Costa Bravo 'O canteiro', Segundo Nine Fernández, Manuel Ferro Abalo 'O Mangolexa', Jesús Besada Rivas, Alfonso Otero Otero e Luís de Saa Bravo. (Foto: Arquivo Antón Mascato)

Mediante testemuños diversos podemos concluír que foi creada na primeira quincena do mes de agosto. Emilio Nieto foi o primeiro xefe. Actuou de subxefe Benito Figueiras. Tras unhas denuncias e por desacordos con Figueiras, Emilio abandona o cargo o 19 de setembro quedando aquel como xefe. O 24 de maio de 1937, tras cesar Benito, asume o cargo o seu cuñado Albino Otero Otero.

Emilio Nieto Fontán fora afiliado ao Partido Radical e Benito Figueiras Silva militara no Partido Socialista, pero cando se formou a agrupación na Illa non quixo pertencer a ela por resentimentos co responsábel José Búa Laredo; posteriormente afiliouse ao Partido Radical.

O detonante das investigacións sobre a actuación dos “cívicos” foi a denuncia, diante do xefe de milicias de Pontevedra, dun grupo de cincuenta e dous veciños, con destacada presenza de significados membros do poder económico, os coñecidos como “fabricantes” (conserveiros), así como de propietarios e armadores. No escrito critican duramente a actuación de Figueiras, a quen consideran unha amalgama de “vesania de malvado, ridícula vaidade monomaníaca e perigosa inconsciencia de perturbado”.

Expoñen que este “grotesco ditador” comete innumerábeis atropelos en persoas e facendas: impón horarios e normas de traballo en fábricas e pesqueiros; obriga os mariñeiros a ceder parte dos seus produtos co pretexto de subscricións para as milicias; clausurou estabelecementos que posteriormente apareceron saqueados e esixe dos propietarios dos bodegóns víveres que consome cos amigos.

Conclúen: “A ameaza é a arma constante que esgrime contra todo o que non acceda ou se opoña ás súas vandálicas imposicións, polo que ten atemorizados os veciños da Illa de Arousa”. Ademais tamén había manexos de tipo político e os denunciantes contaban coa conivencia de concelleiros como Emiliano Porto e Wenceslao Oubiña.

Benito Figueiras afírmase na súa xestión, que sempre contara co beneplácito das autoridades e veciños que nos primeiros tempos aplaudían a súa xestión pero que, máis tarde, desaparecido o perigo dos primeiros momentos, xa con garantías da orde asegurada, esquecéranse dos que salvagardaran as súas vidas e intereses. O seu sucesor, Albino Otero, opina que a denuncia é debida a resentimentos e inimizade dalgúns fabricantes como Rogelio Diz, Genaro Guillán, Manuel Goday, Alipio Santiago e outros porque querían traballar os domingos e máis de oito horas nos días laborábeis, cousa que impedira Benito. 

O canteiro portugués Domingo Barbosa denuncia a persecución constante do xefe “cívico” e as labazadas que propinara á súa muller para obrigala a ir á misa. Numerosas testemuñas relatan a obsesión que tiña Figueiras polos temas relixiosos; o propio cura, que o considera correcto e afectuoso, apunta que “segundo rumores, aconsella e até coacciona o vecindario para que concorra ao Santo Sacrificio da misa”. Obrigaba os mariñeiros a asistir á misa sen deixarlles sequera cambiar a roupa de augas. O día da Ascensión, estaban uns mariñeiros xogando ao dominó na taberna, Benito entrou preguntando se aquilo era a misa e engadiu: “agora vai saír o Cristo” e comezou a mallar neles botándoos fóra do estabelecemento.

Gostarías de seguir coa lectura? Só tes que acudir ao quiosque, á libraría ou á nosa loxa online para mercar o Nós Diario de hoxe. Non perdas máis novas de interese e apura para facer a túa subscrición!

Comentarios