Galiza protexida polas aguias e os pavóns dos Habsburgo

Continúa, nunha nova entrega, a ollada internacional que Héitor Picallo traza nas páxinas de 'Nós Diario' de terzas a sextas feiras, botando luz sobre o escudo do Reino da Galiza. 

Galiza no Wappenbuch da Biblioteca Estatal de Babiera (Foto: Nós Diario).
photo_camera Galiza no Wappenbuch da Biblioteca Estatal de Babiera (Foto: Nós Diario).

Segundo un bo número de investigadores o lema que emprega a última familia imperial bizantina, nomeadamente a dos aleólogos, era “Basileus Basileon, Basileuon Basileuonton”, o que viría a significar algo así como “rei de reis, que reina sobre os que reinan”. Dise que a este concepto se une unha icona ben coñecida polos heraldistas: a aguia bicéfala, aquela que chega a ser un elemento totémico vinculado a familias como a dos Habsburgo.

Para nada se trata dun ser monstruoso, senón dunha quimera que se coñece, asemade, coas denominacións de aguia dobre, imperial ou bicípite, tal e como informa Manuel Monreal Casamayor. Coas cabezas reviradas para cada lado e as ás estendidas, os pescozos deste ser xorden á altura dos ombreiros.

Tal imaxe, con antecedentes no pobo dos hititas (2000 anos antes de Cristo), é denominado por Ignacio Vicente Cascante como o “símbolo capadocino”, pois unha das primeiras representacións labradas en pedra localízase en Turquía, territorio no que habitou aquela cultura. Non sería estraño pensar que a Europa chegase esa imaxe por medio dos cruzados, porén vese reproducida en 1229 en Francia no selo de Jocelin de Chanchevrier.

A aguia bicéfala como símbolo do Sacro Imperio Xermánico, por outra banda, emprégase puntualmente durante a monarquía de  Federico II Hohenstaufen (1198-1250), para consolidarse como símbolo habitual a partir de Sexismundo de Luxemburgo (1387-1437), emperador dos xermanos e rei de Bohemia, Dalmacia, Hungría, Croacia...

Neto del e herdeiro ao trono imperial é Maximiliano I de Habsburgo, un dos soberanos que máis popularizou esa quimera por mor da vaidade que o acompañou ao longo da súa vida pero, así mesmo, polas súas intencións político-publicitarias.

Evidentemente, para Filipe I “O Fermoso”, fillo do anterior, non era lexítimo empregar nos seus brasóns tan fabulosa “ave”, pois como é ben coñecido el non foi candidato a ocupar a cadeira imperial xa que o seu pai sobreviviuno. O que casara con Xoana de Castela falece o 12 de xullo de 1506 e o seu proxenitor faríao en 1519. Por mor disto, a aguia bicípite volve a presentarse maxestosa cando Carlos V acada o título de Emperador en 1520.

E dicimos a partir dese momento pois con anterioridade só contemplamos ao monarca coas armas reais, como se comproba no primeiro tríptico de Jan van Battel (datado en 1517). A utilización do ser alado durante a súa monarquía chega até 1556, pois expresamente renuncia a ese emblema a favor do arquiduque de Austria, o seu irmán Fernando I de Habsburgo.

Podes ler a reportaxe íntegra nas páxinas do teu 'Nós Diario' de mañá, 22 de setembro, ou dixitalmente na nosa loja.

 

Comentarios