venres 30/10/20

Galiza nos grandes armorais europeos

Nas páxinas do teu 'Nós Diario' de mañá, Héitor Picallo traza unha ollada internacional sobre o escudo do Reino da Galiza, só no coleccionábel de catro páxinas que publicamos de terzas a sextas feiras.

 

Escudo da Galiza recollido nas 'Notes généalogiques sur la maison d'Austriche' (Foto: Nós Diario).
Escudo da Galiza recollido nas 'Notes généalogiques sur la maison d'Austriche' (Foto: Nós Diario).

Como se indicou custódiase nas instalacións da Bayerische Staatsbibliothek (Biblioteca Estatal de Baviera) o Sammelband mehrerer Wappenbücher, un libro de armas onde centos de representacións heráldicas aparecen nas súas páxinas, algunhas de gran beleza e con remates, a xeito de cimeiras, realmente fantásticos.

Segundos os datos de que dispomos, e bebendo das investigacións de Juan José Sánchez Badiola e das Publicacións da Comisión Histórica do Instituto Provincial de Estudos Rexionais e Folclóricos de Westfalia (ano 1931, volume 4), adóitase datar esta obra ao redor de 1530 e nela reprodúcense, curiosamente, dous brasóns vinculados a Galiza, aquel dos paus de prata en campo de azur (folio 21r) e esoutro que segue a liña que se vai consolidar ao longo do tempo (folio 217r): “en campo de azur, un cáliz cuberto de ouro”.

Por timbre leva helmo coroado e lambrequín, mais para que non haxa ningunha dúbida sobre a lámina rotúlase a vinculación con “Gallicien”. Este é un armorial de certo fermoso, se ben o denominado de Nicolas Lutzelbourg hai que consideralo unha verdadeira alfaia no eido da heráldica.

Armoriais de Nicolás de Lutzelbourg e Anthoine de Clémery

Son moitas as lagoas que existen sobre a autoría do libro de armas que algún prodixioso artista realiza para Nicolás de Lutzelbourg (1485-1547). E dicimos prodixioso pois a verdade trátase dun dos máis lustrosos armoriais de todos os tempos.

A persoa que encarga o proxecto, o referido Nicolás, foi señor do castelo de Fléville, nunha contorna (a Champaña-Ardeñas, Francia) próxima ás terras belgas, tal e como informa Jean-Christophe Blanchard.

Antes do seu pasamento, que acontece por volta de 1547, elabórase o manuscrito (hoxe en día custodiado na Biblioteca Muncipal de Nancy – Bibliothèque Municipal de Nancy), aínda que ten certos engadidos posteriores que datarían de 1554.

A intención do señor de Fléville era contar con esta obra para os esponsais de Louise de Lutzelbourg e Jean de Haraucourt (1525-1569), señor de Magnières. Segundo Blanchard e Clemmensen, a elaboración da primeira parte habería que encadrala ao redor de 1540, a teor das armas que emprega por ese tempo Nicolás de Lutzelbourg. Aquel historiador tamén afirma que, ao seu ver, o profesional da ilustración que realiza tal empresa debe ser da zona de Lorena.

Podes ler a reportaxe íntegra nas páxinas do teu 'Nós Diario' de mañá, 22 de setembro, ou dixitalmente na nosa loja.

 

comentarios