A 'Galiza feudal' de Vitoria Armesto

Hai cincuenta anos, falamos de 1969, a Editorial Galaxia deu ao prelo, en dous volumes, baixo o título da Galiza feudal' unha orixinal interpretación da nosa Idade Media, redactada por Vitoria Armesto, na altura moi ligada aos círculos da editora viguesa.

Galiza feudal
photo_camera Vitoria Armesto recibindo o Pedrón de Ouro de mans de Octavio San Martín. Padrón, 1970.

Estamos diante dunha interpretación da Galiza medieval na liña analítica iniciada por Bieito Vicceto e Manuel Murguía. Redactada por María Vitoria Fernández- España e Fernández- Latorre, a Vitoria Armesto ou a Totora de tantas crónicas xornalísticas, faladoiros culturais e cociñadas políticas da segunda metade do século XX, asúmese herdeira de investigacións anteriores, comezando polos precursores e rematando por algún dos seus contemporáneos como Emilio González López. Impugna, ao tempo, o edificio historiográfico españolista, entrando en discusión, sen ningún tipo de complexo, coa orientación de Sánchez Albornoz. Responde a consideración da Idade Media como un período chave para explicar a evolución da nosa sociedade , reparando no proceso de conformación da Galiza como unha entidade política de seu durante practicamente dez séculos e analizando os mecanismo de absorción e integración subordinada do reino galego na monarquía castelá.

Achega os nomes e os días que definen a constitución da Galiza  como unha realidade política propia no contexto medieval europeo. O importante desenvolvemento do país no período do baixo imperio, que explicaría a aparición dun xeración cultural de ouro, formada entre outros por Idacio, Orosio ou Exeria, onde destaca a figura de Prisciliano, o heterodoxo rebelde executado pola teocracia. A explicación do mito xacobeo, a súa contextualización nos xogos de poder  e na esixente xeoestratexia peninsular e europea do momento e o seu nacemento como consecuencia do peso político da Galiza. O breve e axitado mandato do rei García, o seu derrocamento e persecución polo seu irmán Afonso VI e  o apoio da oligarquía galega, comandada polos Ovequiz e Diego Pais, ao monarca lexitimo. A subida ao trono de Afonso VII, a súa entronización en Santiago de Compostela por Xelmirez e Pedro Froilaz, o seu papel como instrumento do partido galego e a defensa dunha alternativa, concretada na existencia dun reino da Galiza, dirixido por un monarca de orixe, formación e práctica galega, con vontade e autoridade para xogar un papel reitor  no espazo cristián peninsular.

Responde a consideración da Idade Media como un período chave para explicar a evolución da nosa sociedade

Sinala os grandes fitos que determinaron a derrota galega na baixa Idade Media. O fracaso, nas décadas finais do século XIV, do partido galego, encabezado por Fernando de Castro e a morte deste, no exilio en Baiona, por Xoán Andeiro, defensores dunha Galiza dirixente no contexto ibérico, virada de costas a Castela, unida a Portugal e abrazada ás nacións do Atlántico naquela Europa da guerra dos cen anos. A consideración da revolución irmandiña como un fenómeno endóxeno a formación social galega explicábel polo “dinamismo das nosas clases populares” e polo “apoio ás súas demandas do rei Henrique IV”. A caracterización positiva da revolta galega contra Castela do século XV, en palabras da autora “o máis interesante da nosa historia”, a denuncia das consecuencias para o país da política centralista dos Reis Católicos e a reivindicación das figuras de Pedro Madruga e de Pardo de Cela que “encarnou a enerxía indomábel da Galiza” e “rematou como un rebelde ao servizo da liberdade”.

Significa, fundamentalmente, unha aproximación ao estudo do medievo partindo da convicción de que neste período se atopan moitas das chaves  para explicar a nosa sociedade. Sometida ao silencio imposto pola historiografía dominante a aquelas liñas de investigación que impugnan o relato oficial, ao tempo, padece as prevencións daquelas persoas máis proclives ás análises achegadas neste traballo pero distanciadas ideoloxicamente da autora así como daqueloutras situadas nun marco interpretativo antitético ao das súa últimas posicións doutrinais e políticas. Aproveitemos, logo, o cincuenta aniversario da publicación da Galiza feudal para animar a recuperación e lectura dun traballo esgotado desde fai máis de corenta anos e reivindicar a entidade da obra emprendida por Vitoria Armesto e a súa intuición a hora de xulgar e enfrontar determinado feitos históricos.

Comentarios