Galiza “espoliada”: o BNG esixe a devolución de obras de arte substraídas no franquismo e o século XIX

O candidato do BNG ao Congreso pola Coruña, Néstor Rego, reclamou nun acto na praza da Quintana de Compostela que o Goberno central devolva 33 pezas artísticas, localizadas hoxe no Museo Arqueolóxico Nacional.

El BNG reclama en la Praza da Quintana piezas artísticas expoliadas durante el siglo XIX y XX

El BNG reclama en la Praza da Quintana piezas artísticas expoliadas durante el siglo XIX y XX


10/26/2019
photo_camera [Imaxe: Europa Press] O BNG reclamou na Quintana a devolución das pezas "espoliadas"

O candidato do BNG ao Congreso pola Coruña, Néstor Rego, reclamou este sábado ao Goberno central a devolución para Galiza de 33 pezas artísticas, localizadas hoxe no Museo Arqueolóxico Nacional, e que foron espoliadas durante o franquismo e o século XIX.

En concreto, o BNG realizou unha compilación documental dunha serie de pezas artísticas "de extraordinario valor" situadas no Museo Arqueolóxico Nacional que engloba desde esculturas, até obxectos da cultura castrexa, xoias artesás ou obras da arte románico da Catedral de Compostela, entre outros lugares emblemáticos do territorio galego.

Durante un acto celebrado na praza da Quintana de Compostela, Rego criticou que "o país fose espoliado de todas as formas posíbeis", e que na actualidade todo ese "patrimonio documental e artístico se atope repartido por todo o Estado, en lugar de recuperalo para Galiza”.

Ao seu xuízo, esta devolución resulta "fundamental" para desenvolver "un dos modelos de turismo que máis encaixa en Galiza, que é sustentábel e que resulta un factor de desenvolvemento económico, como é o turismo cultural”.

O Bloque agarda “vontade política”

O Bloque Nacionalista Galego pretende reclamar esas pezas ao Goberno central e recuperar o patrimonio a través da "vontade política", xa que entende que ademais existen "precedentes" para que se leve a cabo esta devolución. En concreto, Rego referiuse á sentenza que supuxo que Cataluña tivese que devolver un conxunto de obxectos artísticos a Aragón.

Con todo, apuntou que a vía xudicial sería o último recurso que o Bloque utilizaría para conseguir o seu propósito. De feito, lembrou que en 2006 o deputado Francisco Rodríguez abordou este problema sobre o espolio no Congreso, e despois de que a súa iniciativa saíse adiante, "pasaron 13 anos pero aínda non se executou".

Neste sentido, comprometeuse a traballar na mesma liña na que o fixo Rodríguez se o BNG recupera representación no Congreso nas eleccións xerais, aínda que cre que "o lóxico" sería que "se en Galiza houbese un Goberno merecedor de tal nome" se encargase de tramitar un "inventario completo" para logo negociar co Executivo central.

Comentarios