Galiza, 9 días de independencia

Nos derradeiros días de decembro de 1916 Galiza foi independente, durante polo menos 9 días, relacionándose só coa República Portuguesa.

Posibelmente a entrada anterior faga a alguén repasar os seus apontamentos de historia unha e outra vez. E non encontrará referencias para confirmar tal titular. Mais o certo é que a prensa do momento salienta este feito, o da independencia de España, e saúda este “ensaio forzoso do nacionalismo galego ollante aos irmáns veciños de lingua, como son os Portugueses”. Este ensaio forzoso de relacións con Portugal viña dado por estar bloqueda a fronteira con España. Álzanse voces contra o “centralismo maldito e o desleigamento con que nos ollan os políticos e os non políticos da Meseta”  Diarios como la Voz de Galicia acaban por se pór do lado destas voces ao afirmar que “con mesura y buenos modos está visto que nada se logra”. El Noroeste, pola súa parte, exclama: “Dios nos dea ira, que paciencia xa temos”.

A Nosa Terra, no número V correspondente ao 25 de decembro de 1916, e daí está tomada esta referencia, escribe que “Galicia foi independente, relacionándose soilo ca repubrica portuguesa, coma se, por un miragre, as teorias nazonalistas do Dr. Horta houbéranse imposto”. 

"A Nosa Terra, no número V correspondente ao 25 de decembro de 1916 escribe que “Galicia foi independente, relacionándose soilo ca repubrica portuguesa"

Á altura de decembro de 1916 as Irmandades da Fala levaban xa adiantadas, a través do seu Idearium, o boletín quincenal A Nosa Terra, moitas das propostas que coallarían na asemblea de Lugo de 1918. 

Nesas propostas estaba que, entre as facultades do Poder Galego, no referido aos “Ferrocarris: A sua nazonalizazón. A su lexilazon sobor dos mesmos será facultade do Poder Central; a sua construción e ademenistración, encarga do Poder Autónomo”.

Por iso non é de extrañar que cando un nevada bloquea, durante 9 días, ou máis, os camiños de ferro coa meseta, non con Portugal, o redactor do artigo d 'A Nosa Terra, que asina como X., aproveite a ocasión para, cunha tremenda carga de ironía e unha intencionalidade didáctica evidente, reclamar a necesidade de soberanía para Galiza e facer un chamamento sen ambigüidade a se unir ao movemento. “Soilo o nazonalismo forte e fondo logrará redimirnos, hirmáns. Veñan adesións das almas xenerosas e cívicas”

"A neve foi o instrumento que levantou a carraxe, a indignación, por iso “a neve, dende hoxe, será o apostol das nosas reivindicacións

Para a necesaria didáctica acoden, se é preciso, á metáfora, ou mellor quizá, á parábola. A neve foi o instrumento que levantou a carraxe, a indignación, por iso “a neve, dende hoxe, será o apostol das nosas reivindicacións” Fronte á “España moura” a Galiza branca que fará camiñar a bóla de rolo en rolo para que engrose, até converterse nun alude simbólico  que esmague os “frescos” que teñen en Sampedro (presidente do Consello de Administración dos ferrocarrís do Norte) o seu santo patrón”.

Se hoxe o redactor de A Nosa Terra tivese que escribir sobre os camiños de ferro galegos posibelmente non o fixese sobre o bloqueo nas comunicacións coa Meseta, que tamén podía ser, mais sobre o desmantelamento das liñas interiores. E sobre todo tería unha magnifica ocasión de escribir sobre o bloqueo da autovía A-8 á altura de Mondoñedo cada vez que o anticiclón dos Azores estende o brazo cara a nós. E posibelmente finalizase como finaliza o artigo mencionado: “Nunca houbo instante crítico, como o de agora, para facer exame de conciencia e pra axuntar forzas pra algo grande... Galegos!!!! Onde estades???.

Pois iso

Comentarios