A batalla contra o fascismo dos mariñeiros emigrados en Trintxerpe

Os galegos que pararon o golpe de Estado fascista en Donostia

O 20 de xullo de 1936 o comandante do Estado Maior Augusto Pérez Garmendia únese á Xunta de Defensa de Donostia presidida polo comunista Jesús Larrañaga. O militar solicita á Xunta un medio de transporte para chegar ata Oviedo, onde está destinado, e presentarse ante o coronel Antonio Aranda xefe da praza. A Xunta ante a carestía de mandos competentes ven no comandante o home que precisan para organizar e dirixir ás milicias da Fronte Popular.

Milicianos de Pasaia en xullo do 36. Fototeka Kutxa
photo_camera Milicianos de Pasaia en xullo do 36. Fototeka Kutxa

A primeira decisión que toma é a organización dunha columna que parta o día 21 cara Gasteiz onde ten triunfado a sublevación. Ademais de forzas militares dos cuarteis de Loioa, quérese engadir aos cenetistas galegos, e a aqueles chegados en barco da Galiza. Aos primeiros témeselles pola súa condición de anarquistas de armas tomar. Aos segundos polas novas que traen da brutal represión desatada na terra, o que pode dar folgos para tomar vinganza contra os dereitistas locais.

O continxente parte cedo en 60 vehículos sen o concurso dos soldados prometidos tralas evasivas do tenente coronel José Vallespín. Segundo verbas do jeltzale Manuel de Irujo, esta composta por arredor de 5.000 milicianos onde “aproximadamente a metade falaban castelán con acento galego”.

Esta situación é aproveitada por Vallespín para declarar o estado de guerra na capital vasca. O seu primeiro movemento consiste en asegurar as alturas inmediatas aos cuarteis apuntalando ao mesmo tempo os accesos dende a cidade. Así nas alturas de Ametzagaña sitúa dúas pezas de 155 MM xunto a unha compañía baixo as ordes do capitán Padilla, que tamén ocupa o manicomio de Uba. O cemiterio de Polloe e o convento das Irmás dos Pobres sitúa ao capitán Miquel cunha forza de 100 homes. Esa mesma noite os militares abandonan os cuarteis e tratan de penetrar no casco urbano. Acción que resulta falida.

A madrugada de 22 comeza unha nova acometida con 800 homes entre soldados, forzas da orde e paisanos, un blindado e morteiros. Milicianos anarquistas contactan cós golpistas e arman un dispositivo de defensa no barrio de Amara, onde se atopa o local do sindicato. Armados con pistolas e escopetas; uns cantos “chourizos” de dinamita e cócteles molotov elaborados polas mulleres galegas dos mariñeiros de Trintxerpe. Enquístanse os combates.

O verinés Justo Rodríguez

En Arrasate a columna de Garmendia coincide con outra chegada de Bilbo comandada polo tenente de Asalto verinés Justo Rodríguez Rivas. Perante as novas dos combates que se están a suceder na capital deciden unir forzas e regresar. Chegados ás proximidades de Donostia acórdanse dous puntos de penetración.

Un dos grupos con Justo Rodríguez á cabeza ábrese paso por Aldapeta, en vangarda un blindado artesán con milicianos galegos de Trintxerpe no seu interior. O blindado recibe o impacto dun morteiro situado nos xardíns de Amara cando circula pola rúa Urbieta e envorca. O segundo grupo sorprende á retagarda inimiga. Ao pouco un tren procedente de Eibar fai aparición na Estación Norte.

Logo de horas de combate os rebeldes retíranse. Algúns grupos conseguen alcanzar os cuarteis. Pola contra outros grupos atrinchéiranse en diferentes edificios da cidade agardando a ser auxiliados: O Casino, o Club Náutico, a Equitativa, o Goberno Militar, o Círculo Easonense e o hotel María Cristina.

Os anarquistas galegos de Pasaia

O 23 anarquistas galegos abordan o Torpedeiro Nº 3 atracado en Pasaia. Entre os seus tripulantes achamos coma fogueiro a Daniel Corbeira Abeledo, natural de Ares, mais con residencia en Marín. Co navío no seu poder dedícanse a bombardear os edificios sitiados. A súa participación vai ser fundamental para a rendición do hotel María Cristina, derradeiro foco de resistencia dos fascistas.

Ao día seguinte as milicias tratan de achegarse aos cuarteis. Combátese no cemiterio de Polloe  e nas alturas que circundan os cuarteis. A refrega esténdese ata o día 26. Nesta xornada é ferido de morte Justo Rodríguez cando acode a parlamentar có inimigo que acaba de exhibir bandeira branca. Trasladado ao hospital de San Ignacio falece poucas horas despois.

Finalmente os militares deciden parlamentar coa Fronte Popular. Até a ponte dos cuarteis envían a varios deputados, entre eles a Manuel Irujo, onde toma contacto directo coas milicias, sinalando que “os milicianos, conxunto de homes de todas as idades, de fala vasca, galega e castelá

A mañá do 28 de xullo consúmase a capitulación dos rebeldes. A presenza galaica no sitio dos cuarteis é numerosa. Ademais por estas datas grupos de milicianos galegos combaten tamén en Rentería. De feito  penetran no cuartel e fanse cun botín de fusís e municións. O futuro comandante da provincia, o ferrolán Antonio San Juan, corrobora este feito destacando que “os anarquistas de Trinxerpe, barrio galego de Pasaia, apoderáronse de armamento e de municións. Despois ningunha autoridade conseguiu que os FAI entregaran as armas incautadas”. Durante os combates faleceron Manuel Ramos Sampedro de Ribeira, Jose Lage Iza de Lugo, Serafín Ubeira de Pontevedra  e Clemente Queipo da Coruña.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios