Os galegos do exército de Euskadi

Mentres na Galiza o trunfo dos militares sublevados en xullo de 1936 era un feito e daba comezo unha caza ao home, en Euskadi centos de paisanos galegos botábanse ás rúas para defender a legalidade republicana perante os golpistas. Aquí comeza a historia da loita dos galegos incorporados ao exército de Euskadi.
O presidente vasco, José Antonio de Aguirre Lekube, principal impulsor do Euskadiko Gudarostea. (Foto: El frente de Álava) #exército #euskadi #fascismo #galegos
photo_camera O presidente vasco, José Antonio de Aguirre Lekube, principal impulsor do Euskadiko Gudarostea. (Foto: El frente de Álava)

A colonia de mariñeiros galegos en Pasaia (Gipuzkoa) combate nas rúas donostiarras o 22 e 23 de xullo de 1936. A súa intervención móstrase decisiva para evitar que a cidade caia nas mans dos fascistas

Son homes combativos e concienciados, afiliados na súa meirande parte ao sindicato da CNT El Avance Marino. Tamén atopamos socialistas e comunistas dos sindicatos La Polar e La Unión Marítima. Unha vez teñen a capital baixo control o 24, dá comezo o asedio aos cuarteis de Loyola, e alí permanecen até a súa rendición o día 28. 

Diante dos muros dos cuarteis falece o tenente de Asalto, Justo Rodríguez Rivas, natural de Verín, traizoado por unha bandeira branca levantada polos sitiados.

De seguida, partidas de milicianos galegos espállanse pola provincia para facer fronte ás columnas de requetés enviadas polo xeneral Mola desde Navarra.

Son días de improvisación e de ledicia revolucionaria que se van ver truncados coa case absoluta conquista de Gipuzkoa ás portas de outubro de 1936. A guerra troca neste intre. O nacemento o 7 de outubro de 1936 do Goberno Provisional de Euskadi, presidido polo jeltzale José Antonio de Aguirre Lekube, vai promover a creación dun verdadeiro exército vasco. 

Os galegos no Euskadiko Gudarostea

O 27 de outubro, no Diario Oficial do País Vasco decrétase a militarización das milicias de voluntarios. Desde finais de setembro, as organizacións esquerdistas veñen de encadrar os seus efectivos en batallóns, debido á afluencia dos milicianos guipuscoanos. 

Cada organización recruta os homes entre os seus afiliados, recepciona e xestiona os equipos que logo portan milicianos e gudaris. No intre no que se conta co número suficiente de homes, fórmase un batallón e o estado maior encárgase de asignarlle un número e de armalo. 

Unha vez cumprido este trámite, o batallón depende xa do xefe do corpo de exército vasco. Mais na práctica continúan tendo moito peso as decisións e ordes que emanan do seo da formación política ou sindical que os patrocina. O 7 de novembro de 1936 nace de maneira oficial o Exército de Euskadi ou Euskadiko Gudarostea cun total de 75 batallóns e 40.000 efectivos, aos que hai que sumar outros 15.000 repartidos xa na fronte.

Os mariñeiros galegos recalan principalmente en batallóns da CNT, aínda que tamén atopamos galegos en batallóns adscritos á ideoloxía comunista e socialista. Destacan o batallón número 21 CNT, número 1 “Bakunin” e o batallón número 30 CNT, número 6 “Celta”. 

O 3 de decembro de 1936, o xornal Euzkadi Roja recolle a solicitude, en nome do “Celta”, do capitán Manuel Lampón Ríos (A Pobra do Caramiñal) e do tenente José Paz Davila (posiblemente da Pobra do Caramiñal) dunha bandeira “que leve como emblema algo que simbolice a rexión galega”.

A Mariña Auxiliar de Euskadi nútrese tamén de galegos, dada a súa experiencia mariñeira. Algúns deixan a súa vida na costa biscaíña, como é o caso de Antonio Álvarez Domínguez (Pontevedra), Manuel Basanta Rodet (San Cibrao, Cervo) ou Francisco Fernández García (Mugardos).

Os galegos evadidos na loita contra o fascismo

Á colonia galega en Euskadi súmanse aqueles evadidos por mar da Galiza ou aqueles que conseguen “pasarse” ao exército da república. 

De feito na fronte de Araba as desercións de soldados galegos convértense nun verdadeiro problema. A frecuencia coa que se dan as evasións leva o tenente coronel Camilo Alonso Vega a dirixir un escrito a Burgos para denunciar unha práctica que lle preocupa en exceso. 

Nas unidades despregadas as desercións afectan maioritariamente a soldados galegos e cataláns. O militar tenta explicar as causas, “unha gran propaganda agochada na retagarda”. Non se fían dos soldados galegos. Sirva como exemplo disto a nova publicada o 3 de decembro de 1936 no xornal El Pueblo Vasco, quen recolle que “ao atacar as nosas forzas o pobo de Murua, entregaranse a elas 97 soldados rebeldes e un sarxento. 

Algúns en unión deste último que foi quen comezou a rendición (...) a maioría destes soldados, que esta tarde chegaron a Ubiñea (...) son galegos e acaban de chegar a Murua procedentes de Logroño”. Este grupo de pasados son os primeiros galegos que van formar parte do batallón disciplinario de Euskadi, son o xerme da compañía disciplinaria do capitán Eliseo Pancorbo, oriúndo de Donostia. Axiña chegarán a ela máis galegos. A partir de entón esta compañía tamén será coñecida como a dos galegos.

A perda de Bilbo para a república o 19 de xuño do 37 obriga o Euskadiko Gudarostea a repregarse cara a Santander. O avance das forzas fascistas semella imparábel e xa en agosto moitos dos milicianos galegos depoñen as súas armas en Santoña debido ao controvertido pacto que os jeltzales asinan co “Corpo Truppe Volontarie” italiano. Agárdalles un futuro incerto. Outros conseguen chegar ata Asturias para continuar a loita.

Comentarios