Un galego na escuadra de Alvares Cabral

Foi o primeiro astrónomo europeo a actuar en terra brasileira e en describir o Cruzeiro do Sul. 

Cantino_planisphere_(1502)
photo_camera Cantino datado de 1502

O  8 de marzo do ano 1500 unha armada con 13 navíos e máis de 1500 homes, ao mando de Pedro Alvares Cabral, parte de Lisboa para explorar a costa nordeste de América do Sul. Na máis pequena das naves ía un bacharel en artes e en medicina, físico, astrólogo, tradutor e médico persoal do propio rei Don Manuel. Era o galego Joam Faras ou Joam Emeneslau, hoxe coñecido por Mestre João.

Unha carta escrita en maio de 1500 e perdida durante mais de 300 anos permítenos coñecer a importancia de  Mestre João Faras, físico e médico do rei D. Manuel

Unha carta escrita en maio de 1500 e perdida durante mais de 300 anos permítenos coñecer a importancia de  Mestre João Faras, físico e médico do rei D. Manuel e, probabelmente, de orixe galega, non só na conquista e colonización do Brasil mais tamén no establecemento de rutas de navegación máis seguras. Alén de ser tamén médico da frota de Cabral que parte para Brasil a  súa misión a bordo era testar a utilización do astrolabio e intentar establecer, a falta de unha estrela equivalente á polar, unha fórmula que permitise o cálculo da latitude. Xa en solo brasileiro bautizou esta constelación como A Cruz (máis tarde Cruz do Sul) fixando que o eixo maior formado polas estrelas Gacrux e Acrux indica o polo sul celeste. No día un de maio de 1500 escrebe carta ao seu rei dando conta dos seus achados. O historiador portugués Sousa Viterbo afirma que este Mestre João era na realidade Joam Faras, xudeu converso natural da Galiza que por volta de 1485 xa tería fixada a residencia en Portugal e que ademais era tradutor, para español, do libro De Situ Orbis escrito no século I por Pomponio Mela.

 Foi tamén astrónomo, astrólogo, cosmógrafo, físico (como os médicos eran entón coñecidos) e cirurxián  particular de D. Manuel, rei de Portugal. Titulábase bacharel en Artes e Medicina. O feito de coincidir nunha soa persoa a práctica de tantas artes era común na época, de xeito que non resultaba infrecuente médicos e cirurxiáns cultivaren a astronomía, a alquimia, a astroloxía, a cosmoloxía, a física e a cosmografía.

carta
Mestre João é hoxe aceitado como o “padriño” da constelación coñecida como Cruzeiro do Sul mais esta atribución só foi coñecida após a publicación dunha carta súa, dirixida ao rei, descuberta por Francisco Adolfo Varnhagen, na Torre do Tombo, en Lisboa, e publicada no Brasil, por primeira vez, na revista do Instituto Histórico e Xeográfico Brasileiro, en 1843. 343 anos após ser escrita.

Nesa carta, escrita nun mixto de español e portugués,  el dá ciencia ao rei do descubrimento ou do achamento do Brasil.  Infórmao que, para coñecer a localización daquelas terras bastaba consultar o mapa de Pero Vaz Bisagudo, un mapa hoxe descoñecido, no cal xa constaría a localización da nova terra encontrada. Esta discreción informativa fai pensar que Joam Faras estaba actuando en prevención dos servizos secretos europeos, na altura cos ollos postos na corte lisboeta na procura de información que lles permitise incorporarse ás navegacións atlánticas.

Foi tamén astrónomo, astrólogo, cosmógrafo, físico (como os médicos eran entón coñecidos) e cirurxián  particular de D. Manuel, rei de Portugal

Mais o feito máis notábel de Joam de Faras deuse no campo da astronomía. Ao observar as estrelas que aparecían no ceo chamou a súa atención unha constelación. Estudou a súa disposición e comparouna cunha cruz:
“... tornando Señor al proposito estas guardas nunca se esconden antes syenpre andan en derredor sobre el orizonte, e aun esto dudoso que non se qual de aquellas dos mas baxas sea el polo antartyco, e estas estrellas principalmente las de la crus son grandes casy como las del carro, e la estrella del polo antartyco, o sul es pequena como la del norte e muy clara, e la estrella que esta en riba de toda la crus es mucho pequena ”.
João de Faras foi o primeiro en documentar a existencia desta constelación; en 1515 Florentino Corsali denominouna Cruz Marabillosa mais só en 1617  Augustim Royer estableceu o nome de Cruzeiro do Sul.

Aínda que os Gregos antigos coñecían estas estrelas, a precesión gradual, isto é, a variación na orientación do eixo de rotación da Terra,  foinas poñendo por debaixo do horizonte europeo de modo que foron esquecidas. Obviamente, os nativos do hemisferio Sul tamén a coñecían e na actualidade as cinco estrelas máis brillantes desta constelación aparecen nas bandeiras de Australia, Brasil, Samoa, Papúa Nova Guinea ou Nova Zelandia. Tamén o escudo do equipo de fútbol brasileiro do Cruzeiro porta as cinco estrelas de Crux así como o xornal e a universidade Cruzeiro do Sul. Mesmo varias divisións do exercito estadounidense destinadas no pacífico sur levan tamén este distintivo da mais famosa constelación do hemisferio austral.

Na actualidade as cinco estrelas máis brillantes desta constelación aparecen nas bandeiras de Australia, Brasil, Samoa, Papúa Nova Guinea ou Nova Zelandia

Durante a estadía no Brasil mestre João só baixou unha vez á terra. Para realizar as medicións correctamente era imprescindíbel situarse en terra firme  (“antes me paresce ser impossible en la mar tomarse altura de ninguna estrella porque yo trabaje mucho en eso e por poco que el navio enbalance se yerran quatro o cinco grados de guisa que se non puede fazer synon en terra”) Tivo pois que baixar a terra co obxectivo de cumprir a súa misión de medir a latitude desa nova terra co seu astrolabio de madeira e demostrou que as súas medidas son, case, as vixentes hoxe: mediu a altura do sol e calculou que estaba nunha latitude de 17 graos, ben precisa se a compararmos coa establecida hoxe: 16º 21’ 22’’

O motivo de non ter baixada a terra máis do que unha vez está ben claro na súa carta: ten unha chaga nunha perna e o espazo de que dispón no barco para traballar é tan pouco que non dá para nada: “ Señor al otro puncto sabra vosa alteza que cerca de las estrellas yo he trabajado algo de lo que he podido pero non mucho a cabsa de una pyerna que tengo mui mala que de una cosadura se me ha fecho una chaga mayor que la palma de la mano, e tan byen a cabsa de este navio ser mucho pequeno e mui cargado que non ay lugar pera cosa ninguna”

Em relação ao “Cruzeiro do Sul”, mestre João explica ao rei porque non lle pode facilitar máis detalles: “solamente mando a vosa alteza como estan situadas las estrellas del, pero en que grado esta cada una non lo he podido saber, antes me paresce ser impossible en la mar tomarse altura de ninguna estrella porque yo trabaje mucho en eso e por poco que el navio enbalance se yerran quatro o cinco grados de guisa que se non puede fazer synon en terra”

Na carta de Joam Faras hai unha pasaxe que resulta intrigante e parece suxerir que antes de 1500 os portugueses tiñan explorado as costas do Brasil e mesmo navegado “por um mar de agua doce” -certamente o Amazonas- máis de 900 quilómetros río arriba. E tiñan mapas. Só así se pode comprender a referencia de Joam Faras  cando escribe “quanto Señor al sytyo desta terra mande vosa alteza traer un mapamundy que tyene pero vaaz bisagudo e por ay podrra ver vosa alteza el sytyo desta terra, en pero aquel mapamundy non certyfica esta terra ser habytada, o no: es napamundi antiguo e ally fallara vosa alteza escrita tan byen la mina”

A descuberta dunha ruta para a India e a chegada ao Brasil fixeron de Lisboa o punto de converxencia para expías de toda Europa

A descuberta dunha ruta para a India e a chegada ao Brasil fixeron de Lisboa o punto de converxencia para expías de toda Europa. En cada viaxe os navegantes informaban os cartógrafos e   contrabandear con esta información levaba a pena de morte. Daí as precaucións de Faras informar o seu rei da ubicación destas terras. Mais, a pesar de todas as precaucións, un italiano de nome Alberto Cantino, espía ao servizo do Duque de Ferrara, consegue unha copia do mapa máis completo que había do mundo da época. Como o conseguiu, non sabemos. Con 2,18 x 1,02 metros, mostra un mundo nunca visto e nel mesmo aparecen terras como a península de Florida que oficialmente aínda non foran descubertas na altura en que se publica o mapa o que fai pensar en navegacións secretas dos portugueses para burlaren os acordos con Castela.

Con toda certeza Joam Faras non era o único galego a traballar para o rei de Portugal. Polas mesmas datas e ao servizo do mesmo rei,  outro galego, Joam de Novoa bautizou unha pequena illa do Índico, ao sur das Seychelles como A Galega, actualmente grafada  Agalega e pertencente a Mauricio. Mesmo outra illa, na colonia francesa de Reunión, leva o nome deste mariño galego.

Joam Faras non tivo tanto éxito. O seu nome permaneceu perdido durante máis de 300 anos mais podemos dicir, con moitas probabilidades de non errar, que foi o primeiro galego  a pisar, coa Lúa Nova que deixaba ver as estrelas do Sul,  unha segunda feira 27 de abril de 1500, solo brasileiro. Foi nun lugar que chamaron illa da  Vera Cruz malia estaren certos de ser un continente. A carta partiu para Lisboa e Joam Faras para Calcuta.

Este texto, lixeiramente modificado, publicouse no número 192 do semanario en papel Sermos Galiza

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios