Inventor, xornalista, novelista, defensor da igualdade de xénero

O galego que construíu un cerebro mecánico

Máquina de Cálculo. Imaxe en El Progreso, 1884
photo_camera O principio da máquina de calcular. Imaxe en El Progreso, 1884

Ramón Silvestre Verea García naceu en Curantes, A Estrada, no mesmo ano en que en Suecia nace Alfred Nobel. Nobel morreu en decembro de 1896, moi rico e cheo de recoñecemento, algúns din que tamén de culpa polos mortíferos inventos que ideou, especialmente a dinamita.  Verea morreu, pobrísimo, en febreiro de 1899 en Buenos Aires. Un ano antes, El Eco de Galicia de 28 de febreiro de 1898 defíneo como o “vello veterano da liberdade política e da emancipación da conciencia”

Ramón VereaNaceu en Curantes, A Estrada, o 11 de decembro de 1833. No curso 1845-1846 foi alumno da Universidade de Santiago. Os acontecementos de abril do 46 terían marcado fondamente, segundo Olimpio Arca, unha profunda crise espiritual. Entrou no Seminario e abandonou, ao cabo duns anos, a carreira eclesiástica. En 1855 está na Habana. Aquí dá clases, dirixe un periódico denominado El Progreso e publica dúas novelas, La cruz de piedra e Una mujer con dos maridos
En 1865 trasladase a Nova York. Traballa de tradutor, impresor, comercio de maquinaria e no invento de unha máquina de calcular (non de sumar). O invento valeulle a medalla de ouro na Exposición de Matanzas. Traballa de redactor en El Cronista, periódico dirixido por Xosé Ferrer de Couto, un ferrolán que abandonou a carreira militar por entender que o exército e a política non debían ir xuntos. 
En 1884 funda El Progreso, revista mensual ilustrada de todos los conocimientos humanos,  publicado en Nova York até 1896 e continuado, con cabeceira só El Progreso,  en Buenos Aires. A revista ten como propósito, segundo nota editorial no número un “ter o lector ao corrente dos progresos da humanidade en todos os ramos”

Tamén en El Progreso se publica a copia da acta do xuri que lle outorga a medalla de ouro na Exposición de Matanzas: “El aparato calculador del señor Verea es el bello ideal tratándose de máquinas de índole análoga a la suya, pues que hace pensar, digámoslo así, al hierro, al acero y metal amarillo, elementos de la misma y materias con las que dicho señor ha construído un cerebro mecánico”


En 1878 patentou a súa máquina mais non procurou comercializala pois, segundo declarou ao Herald Tribune, que lle dedicou un amplo artigo, o seu interese era contribuír en algo para o avance da ciencia. O invento gárdase hoxe na sede central da IBM.


Sen igualdade non hai progreso
Verea non só inventou un cerebro mecánico. O seu cerebro humano reflexionaba con preocupación sobre a  problemática social que se daba na súa contorna. As desigualdades sociais por raza, xénero ou relixión ou nacente, e crecente, imperialismo americano. Nos números 9 e 10 de El Progreso aparecen unha serie de artigos sobre dereitos do home, a muller e o neno.  

El mesmo escribiu en 1884, “El hombre hace unas leyes para sí y otras para la mujer. Se queja del despotismo de los gobernantes y él es un tirano para su compañera. Quiere que el mundo progrese y no da a sus hijas, que mañana serán madres, más que una educación superficial... 
Mientras el hombre se considere el amo de la mujer, mientras le niegue la igualdad civil, mientras no la mida con la misma vara que a sí mismo, no podrá decir con verdad que ha dado un paso en la senda del verdadero progreso”.


Verea morreu, segundo El Eco de Galicia, “pobrísimo”.

No seu enterro apenas houbo xente.

Sete coches seguiron a carruaxe fúnebre.

E dúas coroas, unha do Partido Socialista Arxentino fundado tres anos antes.

Verea fue un apóstol y un mártir, y su memoria será, para muchos, una bandera, escrebe El Eco.

comentarios