Unha gaita na guerra de África, por Xoán Costa

Na segunda metade do século XIX millares de soldados galegos participaron como soldados do exército español nas guerras do norte de África.

fora

A primeira das guerras de África, entre 1859 e 1860, foi unha febril afirmación de patriotismo xustificada en que os "mouros" atacaban a honra de España. A Igrexa Católica, sempre atenta a divulgar a súa única verdade, mesmo alentou os soldados a "non voltar sen deixar destruído o islamismo, arrasadas as mesquitas e cravada a cruz en todos os alcázares"

dentroFoi unha cruzada con millares de mortos que finalizou na batalla de Wad-Ras. Este episodio bélico tivo lugar o 23 de marzo de 1860. Cos canóns capturados ao exército marroquino, unha vez fundidos, o escultor de cámara da raíña e autor do frontispicio do Congreso Ponciano Ponzano fixo os leóns que hoxe adornan a entrada do Congreso de Madrid, un deles castrado.

A guerra durou catro meses e un dos que sobreviviron foi Francisco Lozano Varela. En 1914 Otero Pimentel organiza en Cádiz unha comida na súa honra á que asistiron 150 comensais. Mesmo houbo caldo galego. O Álbum da emigración sitúa Otero Pimentel, nado en Vila de Cruces en 1834 e morto en Cádiz en 1920, como “socio fundador do Casino Español, do Centro Gallego e da Sociedad de Beneficencia de Naturales de Galicia. En 1894 deu ao prelo o libro Reflejos de la vida militar. Desempeñou, entre outros, o cargo de gobernador de Manzanillo (daquela na provincia de Oriente, hoxe na provincia de Granma). Tivo tamén unha importante actividade literaria baixo o pseudónimo de "Xan de Outeiro”. A súa obra máis destacada foi A campaña de Caprecórneca, novela publicada por entregas no semanario Follas Novas en 1897.

Vida Gallega recolle a homenaxe e di que, para alén dos méritos militares, Francisco Lozano é lembrado máis por tocar a gaita no campo de batalla do que por disparar tiros. Tocaba a gaita e, ás veces, entre os rigores da loita, exalta o ánimo dos galegos “enviándoos contra o inimigo entre os acentos do instrumento rexional".

Foi un acto para "festexar o home que derramou notas de música galega sobre o chan de África”.

[A imaxe que ilustra o artigo na portada representa a batalla de Wad-Ras]

Comentarios