A Fundación Galiza Sempre conmemora os 50 anos de ERGA

Análise dos inicios do movemento estudantil.
Manifestación de ERGA contra as taxas universitarias en 1977. (Foto: Fundación Terra e Tempo)
photo_camera Manifestación de ERGA contra as taxas universitarias en 1977. (Foto: Fundación Terra e Tempo)

A Fundación Galiza Sempre conmemora neste mes de decembro os 50 anos da creación de Estudantes Revolucionarios Galegos (ERGA) coa publicación dun novo número da súa colección "Grandes Efemérides da Galiza". 

Baixo o título de 1972-2022. 50 aniversario de ERGA a Fundación Galiza Sempre (que impulsa o BNG) pretende dar a coñecer o significado que tivo ERGA na conciencia nacional. Para o presidente da fundación, Rubén Cela Díaz, ERGA foi "moito máis que unha organización estudantil". "Foi parte esencial da estratexia de autoorganización do pobo galego e unha excelente escola de cadros políticos para o conxunto do movemento nacionalista", sinala Cela no limiar da publicación.   

Duarte Correa, integrante da dirección de ERGA nos seus últimos anos de existencia e un dos fundadores do movemento xuvenil nacionalista creado posteriormente, foi o encargado de afondar nas diferentes etapas que atravesou a organización ao longo dos seus case dezaseis anos de existencia.

O percorrido de ERGA

Correa divide o percorrido de ERGA en tres etapas. A primeira en 1972, na clandestinidade, co nacemento da propia ERGA, primeira expresión da autoorganización de masas da Galiza promovida pola Unión do Povo Galego (UPG) e á que logo sucederían o Sindicato Obreiro Galego, as Comisións Labregas ou AN-PG.  Entre 1977 e 1984 a organización estudantil nacionalista vive a súa etapa de consolidación, expansión e adaptación ao novo marco político e, finalmente, entre 1984 e 1988 ERGA aposta por plataformas amplas (participou da formación do BNG en 1982).

É legalizada (logo de anos loitando pola formalización da formación), impulsa a creación dos Comités Abertos e mais a da organización xuvenil Galiza Nova en 1988.

Un movemento estudiantil propio 

O traballo de ERGA achegou, segundo Correa, un modelo organizativo que permitiu dotar a Galiza dun movemento estudantil propio durante case 16 anos. O seu traballo foi a semente dos movementos estudantís e xuvenís nacionalistas actuais.

Comentarios