A Fundación Franco lembra a Felipe VI que está "no trono" grazas ao ditador

“Se non fose por Franco non estaría a vosa maxestade no trono", di o presidente da Fundación, ao tempo que defende que "van a por vostede porque é o sostén da unidade de España, do mesmo modo que Franco o foi".

 

fundacion francisco franco
photo_camera Juan Chicharro, nunha entrevista na TVG.

A Fundación Francisco Franco (FNFF) sae en defensa de Felipe VI. E faino por un  duplo motivo: por defender a monarquía por ser garante da unidade de España e, ademais, por ser a monarquía reinstaurada polo ditador.

O presidente da FNFF, e xeneral de división retirado Juan Chicharro Ortega, difundiu un artigo no que denuncia unha campaña contra a Xefatura de Estado e do que se fai eco Público.

"Atopámonos ante un acoso e derrubo da monarquía con ataques e ‘ninguneos’ continuos da persoa de Felipe VI quen asiste impávido a esta ofensiva", sinala Chicharro no texto titulado "Non foi posíbel a paz", en alusión ao título das memorias de José María Gil-Robles, líder nos anos 30 da Confederación Española de Dereitas Autónomas (CEDA).

“Cantas veces dixemos desde esta FNFF que o seguinte paso tras a profanación da tumba do Generalísimo ía ser o propio rei?", pregúntase o presidente desta Fundación.

Acto seguido, lanza outra interrogante: "Seica non é a monarquía obra de Franco?". Nesa liña, subliña que "se non fose por Franco non estaría VM (Vosa Maxestade) no trono", á vez que sostén que "van a por VM porque é o sostén da unidade de España, do mesmo modo en que o foi Franco".

A Fundación Franco defendeu, entre outras cuestións, que o Pazo de Meirás continuase en mans da familia do ditador

Chicharro está á fronte da Fundación por decisión da familia FRanco. Licenciouse como tenente de Infantería de Mariña en 1974. Tras varios destinos, terminou como axudante de campo de Xoan Carlos I.

Así,  formou parte do equipo de oito militares e un Garda Civil que asistían ao rei español de maneira permanente no desenvolvemento das súas actividades oficiais. 

Ao asumir o posto de presidente da FNFF afirmou: "Asumo o reto presente coa mirada no inmediato futuro pero desde o respecto ao noso pasado e ao que significou a obra dun home como Francisco Franco, un home, hoxe atacado con saña polos mesmos inimigos aos que derrotou na guerra, e na paz".

Comentarios