Negacionismo histórico

A Fundación Francisco Franco afirma que o Pazo de Meirás foi unha doazón voluntaria dos coruñeses ao ditador

Nun boletín interno asegura que o edificio adqueriuse grazas ás “achegas voluntarias”  de numerosos veciños que con este presente querían “que sempre o nome de Franco estivese asociado a este lugar”. Para a Comisión pola recuperación da Memoria histórica (CRMH) isto demostra que a Fundación Francisco Franco ten conmo obxectivo “negar a verdade hisórica” para alén de “deturpar os feitos”.

Pazo_de_Meirás_05
photo_camera Pazo_de_Meirás_05

O Pazo de Meirás está en mans da familia Franco grazas a que a veciñanza de Sada, A Coruña e resto da comarca achegaron fondos de maneira totalmente voluntaria para regalarlle ao ditador este patrimonio para que nel fixera a súa residencia de verán. Unha xenerosidade movida pola “adhesión e admiración sen límites” que Francisco Franco espertaba como “Capitán da Vitoria e da Paz” entre os habitantes da zona. Esta é a explicación que a Fundación Franciso Franco ofrece nun seu boletín informativo sobre como Pazo de Meirás chegou ás mans dos Franco: foi un agasallo sufragado voluntariamente pola veciñanza da zona.

No boletín da FFF, de 2008, insiste na voluntariedade das achegas para comprar o Pazo e critica que agora se “negue a vontade dos coruñeses” para facer ese agasallo a Franco. Esta Fundación – que desde hai uns meses é a que xestiona as visitas a Meirás – chega a aseverar que o ditador recibiu o obsequio debido a “exclusivamente por ser doazón dos meus queridos paisanos”. Non houbo, pois, violencia nin ameazas nin requisas, todo se debeu á gratitude dos galegos para con Franco.

O documento informativo da Fundación lamenta o “circo políítico” que nos últimos tempos se “produce” en torno ao Pazo de Meiras, e do que responsabiliza ao “radicalismo nacionalista do Bloque”. Naquela altura o nacionalismo gobernaba a Xunta en coligazón cos socialistas e á fronte da Consellería de Cultura estaba Ánxela Bugallo (BNG), que solicitara perante o TSXG autorización para inspeccionar esta residencia.

“Que o nome de Franco sempre estea ligado a este lugar”

As afirmacións desta Fundación, dedicada a defender e exaltar o ditador, van subindo graos para defender que o Pazo de Meirás foi unha doazón. “Non se pode esquecer que ao facer a doazón do Pazo en nome do pobo da Coruña, alí fíxose unha afirmación que ha de permanecer fronte á desorde coxuntural que nos asedia: o xesto de doazón facíase para que sempre o nome de Franco estivese asociado a este lugar”. De aí que a FFF diga que non se pode cuestionar “a propiedade” do Pazo de Meiras, que ten a súa “lexítima propietaria” na familia Franco. A mesma que lle permite xestionar as visitas a este espazo.

Negacionismo dos verdadeiros feitos

Para a Comisión pola recuperación da memoria histórica (CRMH), estas afirmacións mostran que a Fundación Francisco Franco ten como obxectivo “negar a verdade histórica” e “deturpar os feitos” para intentar dar “lexitimidade” á propiedade do Pazo de Meirás polos Franco. O seu presidente, Fernando Souto, critica á FFF por “mentir”, elaborando “un relato falso” sobre o “espolio” do Pazo.

Souto lembra que está “documentalmente probado” que  o que a Fundación denomina “achegas voluntarias” foi en realidade un “espolio directo e sistemático”, ao tempo que nega que se poida afirmar, como fai a FFF, que a veciñanza de Meirás e A Coruña “tivera a vontade de doar” o Pazo ao ditador.

A CRMH lamenta que unha entidade que fai este tipo de afirmacións sexa quen xestiona un Ben de Interese Cultural (BIC) como é o Pazo de Meiras, aproveitando para “deturpar a memoria” e “promover o negacionismo histórico”.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios