O fuel do ‘Polycommander’ continúa na costa galega

Hai 50 anos, 5 de maio de 1970, o petroleiro noruegués Polycommander accidentábase e posteriormente incendiábase nas proximidades das illas Cíes, provocando unha traxedia social, ecolóxica e económica de grandes dimensións. Traemos á actualidade un episodio da memoria máis recente.
polycommander

A crónica das diversas catástrofes ambientais asociadas aos accidentes marítimos está aínda por facer. Sen saír da ría de Vigo e con anterioridade ao suceso do Polycommander atopamos os sinistros do Janina e Yanxilas. O primeiro foi un buque francés que se incendiou nas proximidades da fronteira con Portugal e que rematou por provocar en 1957 a segunda marea negra coñecida da historia da Galiza. O segundo, propiedade dunha navieira grega, bateu contra os fondos das illas Cíes á volta de 1965, vertendo 16.000 toneladas de petróleo que afectaron toda a costa da comarca de Vigo e do Morrazo. 

A continuación da traxedia do Polycommander, Galiza continuou rexistrando accidentes navais na totalidade da costa. Así, en marzo de 1976, o estoupido e incendio do Urquiola na ría da Coruña botou ao mar 100.000 toneladas de fuel, xerando un dos maiores desastres ambientais da península. Outro tanto aconteceu en 31 de decembro de 1978 co Andros Patria, sinistrado nas proximidades de Malpica e cuxo vertido afectou toda costa galega desde Caión (A Laracha) até Ribadeo. Os naufraxios máis recentes do Casón en Fisterra, do Mar Exeo na ría da Coruña ou do Prestige na Costa da Morte evidenciaron a falla de protección da fachada naval da Galiza.

O 5 de maio de 1970 o petroleiro de bandeira norueguesa Polycommander, en ruta desde a localidade libanesa de Sidón até a poboación francesa de Dongues cunha carga de 49.414 toneladas de petróleo, embarrancou mentres tentou saír da ría de Vigo. O navío viuse na obriga de tomar terra na cidade para evacuar unha tripulante, Karin Alstad, que precisou de atención médica urxente e rematou internada nunha das clínicas da cidade. Á volta das 4.20 horas, cando manobrou para retomar a viaxe ao   seu destino, tocou fondo nos arrecifes de Muixiero, situados fronte á praia de Figueiras, na illa de Monteagudo, no arquipélago das Cíes e encallou.

A resposta gobernamental converteu o accidente nunha traxedia pola súa falla de coordinación e medios

O impacto da embarcación cos baixos das Cíes provocou un furado nos seus tanques de carga, que non tardaron en verter o seu contido ao mar, estimando as autoridades, naquela altura, unha fuga de 15.000 toneladas de petróleo, isto é, 16 millóns de litros. O mercante non tardou en incendiarse, após producirse diversas explosións por motivos aínda hoxe non ben aclarados. Porén a versión oficial apuntou ao contacto do combustíbel altamente inflamábel da carga coas chispas do motor dun pesqueiro que estivo traballando nas proximidades do barco accidentado.

O sinistro saldouse sen ningunha vítima mortal, alongándose durante máis dun día os labores de rescate. A tripulación, formada por 29 persoas, conseguiu salvar á vida nunhas circunstancias excepcionais, facendo parte da mesma tres mariñeiros galegos de Ribeira, Francisco Ramallo Paz, Manuel Lorenzo Fernández e Manuel Baamonde Paz. Os pesqueiros presentes na zona xogaron un papel decisivo no salvamento destas persoas e nos traballos de extinción do incendio, que se demoraron durante máis dun día pola ausencia de medios materiais e polas condición climatolóxicas adversas.

‘Un borrón de tinta escura’

As consecuencias ambientais e sanitarias da catástrofe non tardaron en facerse presentes. Malia a tentativa das autoridades por negar primeiro a existencia da marea negra e despois os seus prexuízos, o chapapote fíxose visíbel até o punto de recoñecer a súa presenza os propios medios oficiais do réxime. Mentres o almirante Boado, o máximo responsábel á fronte do operativo, non dubidou en sinalar aos medios de comunicación que “o fuel tampouco é prexudicial para os fondos mariños”, o xornalista Diego Carcedo escribiu naquelas datas no xornal El Pueblo Gallego “o mar é como un borrón de tinta escura. Aparecen manchas en Cangas, aparecen manchas en Sobreira, aparecen manchas en Canido, aparecen manchas en Samil”. 

Unha gran nube de fume negro e de cinzas cubriu durante días diversas localidades do Val Miñor e a marea negra afectou toda a costa galega desde a comarca do Morrazo até a fronteira con Portugal. Sen ir máis lonxe, o 9 de maio El Pueblo Gallego afirmaba que “as hortalizas das parroquias de Belesar, Denán, Barreiro, Mañufe, Morgadáns, San Pedro, Santa Cristina e do propio Gondomar foron sensibelmente danadas”, recollendo que “os residuos do fume procedentes do Polycommander provocaron grandes danos no Val Miñor”. Uns días antes, concretamente o 7 de maio, levou á súa portada que “hai unha gran mancha de petróleo entre as illas Cíes, a península do Morrazo e a costa de Baiona”.

A resposta gobernamental converteu o accidente nunha traxedia. Mentres o réxime forzou a maquinaria estatal para responsabilizar do acontecido o capitán do barco, que chegou a ser condenado en solitario, a actuación do Estado caracterizouse pola súa falla de coordinación e de medios. A defensa do litoral recaeu en exclusivas nas xentes das localidades costeiras, significándose as barreiras artesanais levantadas pola veciñanza de Baiona. 

As pegadas Polycommander

Os restos do chapapote do Polycommander continúan presentes na xeografía da catástrofe após 50 anos. A presidenta da Confraría de Baiona, Susana González, recoñecía a volta de 2017 que as percebeiras da zona podían observar os restos do fuel do barco en diversos lugares da costa do Val Miñor. Outro tanto sinalaban as investigadoras do Centro de Investigación Mariñas en 2007 en relación cos baixos mariños das illas Cíes. Como afirmaba o divulgador ambientalista Félix Rodríguez de la Fuente, presente en Vigo nos días seguintes ao naufraxio, “as consecuencias do acontecido no medio natural será para sempre”.

Comentarios