PSOE e PP rexeitan unha moción para retirar honras a Peñamaría de Llano

Sergio Peñamaría de Llano foi alcalde franquista da Coruña entre 1959 e 1963. Antes estivo ligado á represión en Valdeorras. O pleno do Barco pedíralle por unanimidade ao Concello da Coruña mudar o nome da rúa Alcalde Peñamaría de Llano por Mártires de Valdeorras
Pleno da Corporación municipal da Coruña. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Pleno da Corporación municipal da Coruña. (Foto: Nós Diario)

Os grupos municipais de PSOE e PP uniron os seus votos para rexeitaren a moción coa que o BNG lle pedía á alcaldesa da Coruña, Inés Rei, que activase o procedemento para lle retirar ao alcalde franquista Sergio Peñamaría de Llano as honras e distincións que ten concedidas hoxe en día.

O grupo municipal do PSOE formulara unha emenda de substitución á moción do BNG, “mais desnaturalizaba o seu contido, ao suprimir toda alusión directa a Peñamaría de Llano”, polo que as forza nacionalista optou por non aceptala. A emenda foi votada antes que a propia moción e acabou por ser rexeitada cos votos en contra do PP.

Despois someteuse a votación o texto do BNG e decaeu ao contar co rexeitamento de PP e PSOE. A iniciativa si tivo o apoio de Marea Atlántica e da concelleira non adscrita.

De destacar é que hai unhas semanas o pleno do Concello do Barco aprobara por unanimidade emprazar o concello da Coruña “a tomar en consideración a proposta da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña en orde a substituír a rúa Alcalde Peñamaría de Llano pola de Mártires de Valdeorras".

Peñamaría del Llano, alcalde da Coruña entre 1959 e 1963, participou en actos de represión mentres era voluntario no exército sublevado e, posteriormente, como tenente da Lexión no ano 1939 na comarca do interior galego.Ademais, foi "fiscal militar en xuízos sumarísimos contra antifacistas con numerosas penas de morte", así como "os servizos" prestados á ditadura e á familia Franco.

Ordenanzas fiscais aprobadas

Durante a sesión plenaria tamén se aprobaron as ordenanzas fiscais do ano 2022 tras o acordo previo entre o Partido Socialista e a Marea Atlántica.

O Partido Popular presentou até cinco emendas a varios cambios fiscais que foron rexeitadas na quenda de votos, e insistiu “na necesidade de baixar impostos”.

Pola súa parte, o BNG abstívose. O Goberno local calcula que coa proposta aprobada o concello recadará 1,5 millóns de euros e deixará de ingresar 53.000 euros. 

Comentarios