venres 24/09/21

Os Franco solicitan que se investigue a avogada do Estado por "prevaricar" no inventario do Pazo de Meirás

Os herdeiros do ditador non desisten da súa loita após determinar a xustiza que o Pazo de Meirás pertence ao Estado español e non á súa familia. O novo albo dos Franco é a avoga xeral do Estado, a quen piden investigar por un suposto delito de "prevaricación" en relación co inventario dos bens móbeis.
Visitantes no Pazo de Meirás (Foto: M. Dylan / Europa Press)
Visitantes no Pazo de Meirás (Foto: M. Dylan / Europa Press)

A familia Franco solicitou ao Xulgado de Instrución número 29 de Madrid que cite como investigada a avogada xeral do Estado, Consuelo Castro, no marco da querela que se tramita contra a xefa do Servizo de Conservación da Dirección das Coleccións Reais de Patrimonio Nacional, Pilar Benito.

A familia do ditador considera ambas responsábeis de delitos relacionados co inventario de bens realizado tras declararse que o Pazo de Meirás é propiedade do Estado.

A querela, dirixida inicialmente contra Benito, pide investigar delitos de prevaricación, falsidade en documento público, revelación de segredos, falsidade ou alteración de ditame ou testemuño pericial e estafa procesual en grao de tentativa na elaboración do inventario do pazo en novembro de 2020.

Fontes dos querellantes consultadas por Europa Press sinalan que a petición de imputación de Castro é consecuencia do testemuño prestado o pasado mes de xuño pola ex presidenta do Consello de Administración de Patrimonio Nacional Llanos Castellanos, no que esta apuntou que a súa actuación neste expediente foi seguindo instrucións da avogada xeral.

Os Franco advirten de "imparcialidade"

Segundo a querela dos netos de Franco, o documento que outorgou a titularidade da maioría dos bens do Pazo ao Estado non foi imparcial e realizouse en prexuízo da familia, "cunhas conclusións alleas á imparcialidade, fóra de calquera comprobación razoábel".

Os querelantes tamén piden que se cite a declarar outros cargos de Patrimonio Nacional, que se libre oficio para solicitar determinados documentos relacionados con este expediente administrativo do Pazo de Meirás e que se indague se existe convenio de colaboración e de asistencia xurídica entre a Avogacía Xeral do Estado e Patrimonio Nacional.

comentarios