luns 23/11/20

Os Franco non queren entregar o Pazo de Meirás o 10 de decembro

Os Franco pedirán ao xulgado pospor a entrega do pazo de Meirás ao Estado, fixada inicialmente para o 10 de decembro, e oporanse a que se lles impida sacar bens.

Pazo de Meirás (Imaxe: M.Dylan).
Pazo de Meirás (Imaxe: M.Dylan).

Luis Felipe Utrera-Molina, un dos avogados da familia do ditador, sinalou esta sexta feira que están a preparar un escrito de oposición ás medidas cautelares ditadas pola titular do Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña, o pasado 9 de novembro, e pola que decretou a realización dun inventario que abarque todos os bens, tanto exteriores como interiores, do inmóbel.

A maxistrada fíxoo após estimar a petición do Estado co fin de "preservar a integridade" do pazo antes de que se executase provisionalmente a sentenza que condenou os Franco á devolución do mesmo.

Até que o documento non estea finalizado e a xuíza o autorice expresamente, a familia Franco non poderá "trasladar e/ou retirar" ningún tipo de ben do recinto. Contra o auto non cabe recurso, segundo consta no mesmo, pero si existe a posibilidade de presentar un escrito de oposición no prazo dos 20 días seguintes á notificación.

"Loxicamente presentarémolo", manifestou o letrado Utrera-Molina en declaracións a Europa Press. Rexeita que, a través da execución provisional da sentenza, se poida expor agora a prohibición á familia Franco de trasladar os bens mentres non conclúa o inventario, un proceso que comezou a pasada cuarta feira.

"Ninguén discutiu a titularidade dos bens móbeis", dixo sobre o xuízo que decorreu no Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña sobre a titularidade do pazo. "Eses bens son seus", engadiu en referencia aos Franco.

Ademais, argumentou que se o Estado os quere que emprendan "un novo preito", rexeitando que agora porque "se lle esqueceu" -que figurasen na demanda- poida impedirse calquera traslado.

Utrera-Molina cuestionou tamén a decisión xudicial e expuxo que en case 30 anos de profesión non viu "nada semellante". Por iso, asegurou que presentarán un escrito de oposición, que están a ultimar porque “hai vaixelas, sabas,... e necesítase un prazo razoábel para facer unha mudanza".

A fundación de apoloxía da ditadura continúa coas visitas

"O 10 de decembro quedou en papel mollado", sentencia ao demandar un "prazo razoábel" para o traslado de bens, algo que non poderán facer até que o autorice a xuíza, que determinou dar un prazo de 20 días, con posibilidade de ampliar esta data, para que os técnicos realicen un informe sobre os bens existentes.

Mentres, desde a Fundación Francisco Franco confirmaron a Europa Press que se manteñen as visitas no inmóbel. "Hoxe están", sinalan sobre as programadas para esta sexta. Ademais, apuntan que a intención é seguir con elas nos distintos horarios estabelecidos.

A Xunta non permite levar as estatuas de Abraham e Isaac

Por outra banda, a Xunta non autorizou os Franco a trasladar as estatuas do Mestre Mateo do seu actual emprazamento no Pazo de Meirás, solicitado pola familia do ditador, segundo informou na sexta feira a Consellaría de Cultura.

O Goberno galego salienta que actúa en base ás medidas cautelares do auto do Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña. As estatuas contan coa "máxima protección", ao seren Ben de Interese Cultural, "e isto supón deberes legais para os propietarios, entre eles, a obrigatoriedade de comunicar previamente calquera posíbel traslado".

comentarios