A Xustiza impide a retirada do Pazo de Meirás dos bens reclamados pola familia Franco

Si poderán levar as alfombras do corredor, ao entender o xuíz que "se colocaron cun fin puramente funcional".
Primeiras visitantes a Meirás o pasado 4 de xullo (M. Dylan / Europa Press).
photo_camera Primeiras visitas ao pazo de Meirás, o 4 de xullo do pasado ano. (M. Dylan / Europa Press)

O Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña vén de impedir a retirada do Pazo de Meirás dos elementos disputados pola familia Franco ao considerar que son bens inmóbeis.

A decisión afecta todos os elementos obxecto de controversia entre as partes comparecidas no proceso, agás as alfombras do corredor porque "se colocaron cun fin puramente funcional".

O xuíz acolle parcialmente a cuestión incidental exposta polo Estado e os concellos da Coruña e Sada

Deste modo, o maxistrado titular do órgano acolle parcialmente a cuestión incidental exposta pola Administración Xeral do Estado, á que se adheriron a Xunta e os concellos da Coruña e Sada.

No auto, notificado esta sexta feira e do que informou o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG), o xuíz determina que os bens sobre os que existe discusión adquiriron a condición e natureza de inmóbeis por incorporación, por destino ou por ambos.

Con todo, no que atinxe propiedade do Estado sobre os bens móbeis, o maxistrado subliña que nin na sentenza nin ao longo do proceso "se tratou e discutiu" esa cuestión, polo que "non pode constituír obxecto" do incidente sobre o que resolveu.

Bens do exterior do Pazo

En concreto, o xulgado concluíu que todos os existentes no exterior do Pazo teñen a natureza de bens inmóbeis por destino pois, aínda que moitos deles son susceptíbeis de seren trasladados e "fisicamente separábeis sen quebranto algún", iso non impide, segundo o xuíz, que sexan considerados bens inmóbeis por destino, pois foron colocados alí "cunha vontade de permanencia".

Aliás, subliña que, "xa sexan figuras ou conxuntos pétreos —de santos e virxes, entre outras—, áchanse colocados ao longo do xardín, co fin de conseguir un todo armónico e artístico".

O titular do Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña engade que, a moitos deles, caracterízaos "a súa especial robustez e o seu elevado peso, coas dificultades que para a súa mobilidade e para o seu traslado suporía, mesmo dentro do propio Pazo". No auto, indica que a envergadura e peso deste tipo de elementos pétreos fan que, polo seu propio peso, queden estabilizados, polo que "non requiren cimentación", o que fai que o sistema de suxeición e a colocación das pezas sexa "a mesma que a dun cruceiro".

Elementos do interior

A respecto dos elementos que se atopan no interior, o maxistrado decretou que a porta de acceso desde o vestíbulo e o lavabo de pé con decoración floral teñen natureza de bens inmóbeis por incorporación e, por destino, a escultura de vulto de San Xosé, o altar/sartego, o alto relevo da piedade, a virxe entronizada co neno, as esculturas de vulto redondo, a pila de auga bendita, o confesionario de madeira, a escultura de vulto redondo, a virxe orante e a escultura pétrea de vulto redondo.

Tamén o cristo de vulto redondo, os 'anxelotes' de bronce, as figuras de vulto redondo en pedra, a lámpada sobre pilastra da escaleira, aplíquelos de parede metálico, o tapiz con escudo e a parella de apliques electrificados teñen, segundo o xuíz, a dobre condición de ben inmóbel por incorporación e destino.

O xuíz considera "chave" analizar a localización de cada ben

Sobre estes bens, situados no interior, o maxistrado considera chave á hora de analizar cada un deles "a localización, póndoa en relación coa finalidade perseguida á hora de realizar a colocación nun determinado lugar", así como "a relación e visión homoxénea que se poida formar con outros elementos existentes".

No auto, indica que no altar maior da capela atópanse "gran parte dos elementos discutidos". Así, afirma que, aínda que "non hai controversia" en que se poidan trasladar as tallas "sen quedar afectados ou deteriorados o pedestal ou cada un dos retablos onde se atopan colocadas", entende que "non pode obviarse, dadas as características das mesmas, as súas dimensións, a súa posición e a interrelación que existe entre unhas e outras, que responden á idea de formar un conxunto iconográfico".

Ademais, recalca que "gardan harmonía coa arquitectura e tipoloxía do retablo (de finais do século XVII, principios do XVIII) e das súas propias dimensións, o cal conduce a afirmar que foron colocadas con finalidade decorativa e, sobre todo, cunha clara vontade de permanencia, o que fai que sexan consideradas inmobles por destino".

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios