Esta cuarta feira tivo lugar a vista sobre as medidas cautelares que pesan sobre os bens que se atopan no pazo de Meirás. A familia do ditador négase ao inventario e considera que ten dereito a retirar as propiedades se ben estaría disposta a vendelos ás Administracións públicas polo “pago dun prezo razoable, aínda que sexa simbólico”.
Así trascendeu hoxe despois desa sesión no Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña onde o avogado dos Franco, Antonio Gil, explicou que se se pretende que fiquen en mans públicas habería certa aceptación.
Gil concretou que as e os seus clientes estarían “abertos á posibilidade de permitir que os bens queden no inmoble mediante un acordo previo e o pago dun prezo razoable, aínda que sexa simbólico”.
A afirmación semella ter todas as características para crear unha polémica na sociedade. Porén, o letrado lembrou que as posesións que poidan estar en Meirás “non foron obxecto da sentenza” como si o foi a entrega -polo momento temporal- do inmoble, que os Franco (que tamén queren adiar a entrega prevista para o 10 de decembro dous meses máis) levaban tempo intentando vender.
Gil desvinculou ambas cousas porque “a maior parte das cousas as puxeron eles”. Ademais, pediu que se destrúa a parte do inventario que estea feita xa.
Nunha vista que durou algo máis de tres horas, o defensor da familia defendeu que non se pode entender que o pazo e o seu contido sexan unha “unidade” e negou que se quixesen levar “50 camións” para o traslado.
“Non é verdade pero, aínda que o fora, váiseme dicir que a inquedanza xurde a partir do publicado na prensa”, comentou. Tamén rexeitou que unha declaración de BIC abranga todas as propiedades porque na lexislación galega “non hai unha mención aos bens e ao seu eventual vínculo co inmoble”.
No entanto, o Estado, a Xunta, os concellos de Sada e A Coruña e a Deputación piden que os bens mobles pasen a estar en depósito xudicial até que haxa unha conclusión definitiva do proceso.
Risco para o patrimonio
Os Franco non apoian esta opción pero para o avogado do Estado, Javier Suárez, sería o axeitado igual que o foi paralizar a mudanza dos achegados do ditador porque “había datos que facían aventurar que ía darse un baleirado completo”.
Mentres Gil defendía a “boa fe” dos seus clientes, Suárez lembrou que poderían levarse “os escudos, os hórreos, os cruceiros...”. “Hai cousas que se levaron e se trasladaron ao pazo”, comentou sobre os antecedentes.
Cabe destacar, por exemplo, que no edificio descansa unha boa parte da colección persoal de Emilia Pardo Bazán. A Real Academia Galega (RAG) di que alí deben permanecer máis de 3.000 volumes e, de feito, hai un proceso para declarar todo o conxunto Ben de Interese Cultural (BIC).