XXIII xornadas de historia local

Foz tal e como era

O pasado de Foz, o máis inmediato e o menos, as súas historias e as dinámicas que a conduciron á contemporaneidade, volverá protagonizar o verán mariñao por viséximo terceiro ano consecutivo. A asociación Pomba do Arco convoca catro días de palestras, da segunda feira 30 de xullo á quinta dous de agosto.
 

foz foto antiga
photo_camera Foz nunha imaxe antiga. Foto: cedida.

As XXIII xornadas de historia local comezan na casa da cultura Poeta Manuel María de Foz ás 20.30 horas do 30 de xullo. Proxectarase o filme documental Foz, Cangas e Lourenzá, rexistrado na década dos 50 por Antonio Díaz Ortiz, “cineasta, empresario e oficial republicano”. No coloquio posterior falará Martín Fernández Vizoso, recuperador da histórica fita.

cartaz xornadas da Pomba 2018

Ao día seguinte, á mesma hora e no mesmo lugar, Xosé Ramón Ermida falará sobre “fotografía focega”. Pero farao dos pioneiros: aqueles que fixaron a vila en imaxes entre 1906 e 1936. Centrarase nos traballos de Alberto Bravo, Andrés Gamboa e Manuel Luxilde, fotógrafos vilegos no primeiro terzo do século XX. Ademais tamén rescatará fotos do ribadense Bieito Prieto ou do mindoninense Santiago Pernas.

A cuarta feira 31 de xullo, Xé Freire debruzarase sobre a Restauración e sobre a relación de importantes intelectuais mindonienses con Foz, por caso Eduardo Lence Santar, fundador da Irmandade da Fala de Mondoñedo e asinante do manifesto da Asemblea Nazonalista de Lugo de 1918. A quinta feira, unha mesa redonda porá o ramo das xornadas.

Tratarase dun debate entre traballadores e traballadoras das carpintarías de ribeira. “Ten o obxectivo de perpetuar e homenaxear unha profesión cunha longa tradición na vila, até o punto de aparecer reflectida nas crónicas do século XVI redactadas polo Licenciado Molina”, explican desde a Pomba do Arco. Na mesa sentarán Santiago Pérez, Pedro Fraga, Carlos Villarino, Alfredo Sixto, Ramón Cuadrado, Alfonso García e Juan Necega.

Nota: cartaz das XXIII xornadas de historia local de Foz.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios