Foz homenaxea Xoán Carlos Basanta

A tres meses do seu pasamento, centos de persoas homenaxearon o Sábado 1 de Xullo en Foz Xoán Carlos González Basanta, a ateigaren o edificio do CENIMA, que ficou pequeno para acoller este acto de recoñecemento e lembranza.

Foto Basanta.
photo_camera Xoán Carlos González Basanta

A iniciativa, promovida por entidades e colectivas vinculadas ao homenaxeado, como A Pomba do Arco, a CIG, o BNG, o Club Baloncesto Celtas ou o Club Deportivo Foz, superou as previsións dos organizadores que viron como a grande maioría dos asistentes non puideron acceder ao salón de actos e mesmo ficaron fóra do propio edificio. Xoán Carlos González Basanta estivo acompañado na súa homenaxe pola palabra das organizacións convocantes, os saúdas dos portavoces dalgunhas das organizacións nas que militaba, como Ana Póntón, Nestor Rego ou Anxo Louzao, as intervencións desde a distancia dalgunha das súas escritoras máis queridas, caso de Pilar Pallarés e Luísa Castro, ou a musica de Mini e Mero ou A Subela. A xornada foi aberta pola proxección dunha fotobiografía do propio Basanta, elaborada polas asociacións convocantes, que recollía diversos aspectos da vida do homenaxeado.

Xoán Carlos González Basanta, morto no mes de Marzo pasado con apenas 52 anos, destacou desde moi novo polo seu activismo político, cultural, social, deportivo e sindical. Afiliado ao BNG desde finais da década dos 80, foi concelleiro desta organización ao longo de 10 anos, candidato á Alcaldía de Foz, habitual nas súas listas ao Parlamento de Galiza e membro dos seu organismos de dirección local e comarcal. Fundador da Asociación Cultural A Pomba do Arco, entidade que presidiu ao longo de 15 anos e desde a que impulsaría centos de iniciativas pola galeguización da súa vila, a promoción da literatura galega, a recuperación da memoria histórica ou a posta en valor das súas tradicións e do patrimonio histórico. Promotor e directivo da Comisión focega en defensa da sanidade, impulsor da Plataforma focega en defensa dunhas infraestruturas dignas, Presidente da Asociación para a defensa da Ria de Foz, xogará un papel activo en Nunca Máis, entidade da que sería o seu último portavoz na Comarca da Mariña. Destacado deportista fixo parte do Club Baloncesto Celtas ou do Club de Xadrez da Pomba do Arco, sinalándose na loita sindical, onde ocupou responsabilidades ao longo dos anos, primeiro na Unión de Traballadores do Ensino de Galiza, sección do ensino da INTG,  na Comarca de Ferrol  e posteriormente na CIG Ensino da Mariña.

Xoán Carlos González Basanta  reunía nunha peza a firmeza das convicións, o activismo permanente, o optimismo e a sorriso franco

 

Xoán Carlos González Basanta, coñecido entre os seus amigos como Basanta ou Bas, deixa unha pegada moi forte entre aqueles que o coñeceron, como testemuña a masiva presenza nesta homenaxe. Como sinalaron no acto algunhas das persoas que o coñeceron e mantiveron unha estreita relación persoal con el, o homenaxeado sobranceou por ser unha persoa de grande cultura, sempre á vangarda das novas tendencias e disposto a achegar, con discreción e sen ningún tipo de pretensión, estes coñecementos aos seus próximos. Persoa de conviccións firmes, optimista e de sorriso franco, vinculou a un tempo a defensa sen vacilacións das súas ideas e do interese xeral co respecto e mesmo a comprensión ás propostas dos adversarios, aspectos destacados no propio acto polo anterior e actual alcalde de Foz, persoas cos que mantivo duros enfrontamentos na súa etapa como portavoz municipal do BNG. A morte de Xoán Carlos Basanta, como sinalou a súa sucesora á fronte do grupo municipal do BNG, deixa un baleiro imposíbel de cobrir non só para os seus propios pais, era fillo único e vivía con eles, e a familia nacionalista senón para o conxunto da veciñanza de Foz e da Mariña.

A lembranza de Xoán Carlos González Basanta terá continuidade en diversos actos que amigos e organizacións das que facía parte promoverán nos próximos meses. Algunhas destas iniciativas, adiantadas no propio acto, consistirán na edición dun volume que recolla diversos textos literarios, xornalísticos e intervencións públicas do propio Basanta. Escritor máis que notábel, deixou unha importante obra inédita, onde se pode observar as pegadas dos seus autores de cabeceira como Pilar Pallarés, Luísa, os surrealistas franceses, particularmente Robert Desnos, Blanco Amor ou o brasileiro Jorge Amado. Ao tempo deixou un importante arquivo audiovisual que vén ser unha crónica da vida de Foz e da Mariña dos últimos 25 anos, ficando na mesma testemuño de actos políticos e culturais, mais tamén do seu inxente traballo de recuperación etnográfica, patrimonial e histórica. Sexa como for, en palabras dalgúns dos intervintes na homenaxe, a figura de Basanta fica gravada de xeito irreversíbel na vida de Foz e da Mariña, até o ponto de esta non se explicar sen a súa achega e contributo.

Comentarios