O foro 'A Lingua e o Reino, entre Compostela e Braga' afonda na historia medieval galega

O encontro salienta o galego-portugués como idioma de prestixio.
Gonzalo Constenla, María Muíño, Gonzalo Constenla e Luís Fontes (Foto: Deputación da Coruña).
photo_camera Jaime Torres, María Muíño, Gonzalo Constenla e Luís Fontes (Foto: Deputación da Coruña).

A Deputación da Coruña e a Rede da GaliLusofonia presentaron onte o foro de coñecemento 'A Lingua e o Reino, entre Compostela e Braga', que botará a andar o vindeiro 17 de xaneiro e que contempla seis meses de palestras, visitas guiadas, teatro e música en ambas as cidades. 

Na presentación participaron a deputada de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña, María Muíño, o director da Escola Oficial de Idiomas de Compostela e coordinador xeral da Rede da GaliLusofonia, Gonzalo Constenla, o representante de Convergencias Portugal-Galiza, Jaime Torres, e o arqueólogo da Universidade do Minho, Luís Fontes. 

A idea central do foro é, segundo explicou a deputada María Muíño, "promover o coñecemento e socialización colectiva  e compartida do pasado, da historia propia". Muíño lembrou que xa en 2022 desde a institución "puxemos en marcha varias iniciativas para contribuír no coñecemento do reino galego e da nosa historia medieval". A deputada referíase así a un congreso e á convocatoria de premios centrados tamén no Reino da Galiza. 

A deputada fixo fincapé nos contidos do foro de coñecemento destacando "as palestras programadas sobre nomes de lugares, sobre a plena normalidade da lingua galego-portuguesa na Baixa Idade Media, a respecto da lírica, sobre Inés de Castro, da construción do Reino Suevo ou das estratexias para a restauración da unidade galego-portuguesa".

Unha idea na que tamén incidiu o coordinador xeral da Rede da GaliLusofonia, Gonzalo Constenla, que asegurou que esta etapa histórica "foi a expresión do maior esplendor da lingua galego-portuguesa, sobre todo como lingua artística a través da lírica". 

Pola súa parte, o representante de Convergencias Portugal-Galiza, Jaime Torres, e  o arqueólogo Luís Fontes aproveitaron para amosar a súa "satisfacción por esta colaboración que permitirá pór en valor parte da historia compartida entre a Galiza e Portugal".

Salientaron tamén o interese das visitas que se realizarán á Sé e á Capela dos Reis e São Martinho de Dume e São Frutuoso, en Braga.

Programación

Relatores e relatoras de ámbitos da filoloxía estarán a cargo das palestras nun programa que se desenvolverá entre os meses de xaneiro e maio e que tamén inclúe actuacións musicais, teatro, e visitas guiadas a lugares emblemáticos de Compostela, como o Panteón Real da Catedral de Santiago ou o Castelo da Rocha Forte. 

Comentarios