Xesús Chaves, dirixente de Organización Obreira: "As folgas foron chave para creación do SOG e da CIG"

Xesús Chaves Fandiño é un dos nomes propios da folga viguesa de 1972. Militante naquela altura de Organización Obreira e fundador do Sindicato Obreiro Galego en 1975, analiza para 'Nós Diario' aquel momento esencial para a conformación do sindicalismo galego e da loita contra a ditadura.
Xesús Chaves traballaba en 1972 en Citroën. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Xesús Chaves traballaba en 1972 en Citroën. (Foto: Nós Diario)

—Un dos actores centrais nas folgas viguesas de 1972 foi Organización Obreira (OO). Que a caracterizaba e cales eran as liñas centrais desta proposta?
Organización Obreira xorde por discrepancias coa liña política do Partido Comunista (PC) desde finais dos anos 60, sobre todo pola orientación derivada do denominado Pacto pola Liberdade e pola Reconciliación Nacional, que nós entendíamos que era a coartada para entregar á burguesía o control sobre Comisións Obreiras e sobre o conxunto da clase traballadora.

A partir de 1971, como resultado das discrepancias coa liña do PC pero tamén da presenza de persoas de ideoloxía nacionalista, isto vaise decantando até o punto de que en abril dese ano xa celebramos unha manifestación en Vigo para conmemorar o aniversario dos Mártires de Carral, que provocou a detención dun compañeiro, Xavier Salgueiro, coñecido despois como “o mozo da bandeira” por portar unha bandeira galega no acto.

OO recollía no seu programa o dereito de autodeterminación para os pobos do Estado, por suposto para o galego, e as súas publicacións estaban todas en galego, nun momento en que xornais como A Voz do Pobo do PC ou Vigo Obreiro de CCOO só tiñan en galego o título.

—O 9 de setembro de 1972 arranca a folga en Vigo, concretamente en Citroën. Cal é a orixe desta protesta?
É a pregunta do millón que algúns levámonos facendo desde hai 50 anos. O 27 de decembro de 1971 rachan as negociacións do convenio na Citroën, ditándose posteriormente un laudo da autoridade laboral que dá a razón a empresa. Isto vai provocar algunhas protestas no propio mes de xaneiro na compañía e mesmo reunións nosas con outros grupos, concretamente coa UPG, xuntándonos o 4 de xaneiro co representante do partido, Moncho Reboiras, para fixar unha liña de acción conxunta.

Ao longo dese ano, desenvólvense diversas mobilizacións, primeiro en solidariedade cos obreiros de Ferrol e posteriormente polo convenio de Barreras, xerándose ao tempo certo descrédito de CCOO e un crecemento de OO e da UPG. O día 9 eu traballei na quenda da mañá, saín de Citroën ás dúas da tarde e ás sete xa me informaron de que despediran algúns compañeiros, polo que OO chamou a organizar asembleas e decidiu que os seus cadros máis coñecidos pasasen á clandestinidade.

—Os días seguintes esténdense as mobilizacións a outros centros de traballo. Sobre que reivindicacións se articulan as protestas?
As mobilizacións víronse favorecidas pola alta conciencia de clase dos traballadores de Vigo e, tamén, pola soberbia da patronal, moi concretamente, da dirección de Citroën.

Porén, a principal reivindicación era a solidariedade cos traballadores despedidos e a súa readmisión. Nestas seguimos, até que a cidade foi tomada entre o 19 e o 20 de setembro polos "grises", parando as protestas tras unha dura represión o día 23.

—Coa perspectiva destes 50 anos, que valoración fai da folga xeral viguesa de 1972?
A valoración é positiva, destacando a gran combatividade e solidariedade da clase obreira. Ao tempo, serviu para rachar cos esquemas políticos e sindicais coñecidos, sendo as folgas de Vigo fundamentais para a formación de organizacións como a CIG, e antes o Sindicato Obreiro Galego (SOG). Unha visión que naqueles momentos xa tiña claro compañeiros como Moncho Reboiras ou Elvira Souto.

O pouso de Organización Obreira

Xesús Chaves Fandiño é a memoria de Organización Obreira. Militante desta entidade desde a súa fundación, salienta o pouso nacionalista en parte dos cadros do colectivo e lembra como unha parte dos seus dirixentes máis cualificados participaron na fundación do Sindicato Obreiro Galego (SOG) e da Intersindical Nacional Galega (ING). Recorda como remataron nas filas do sindicalismo nacionalista “compañeiros como Xosé Anxo García Méndez de Freire, Moncho, de Barreras, Clavelitos, Oscar Duarte ou Piliña do téxtil”.

Precisamente, García Méndez, secretario xeral de Organización Obreira en 1972, acabou facendo parte do Comité Central da UPG, sendo un dos nomes propostos en 1977 para asumir a Secretaría Xeral da ING. Porén, Chaves sinala que “o sector nacionalista non representaba a liña maioritaria dentro de OO”.

Comentarios