A folga das cigarreiras coruñesas de 1857

7 de decembro de 1857 as operarias da Fábrica de Tabacos da Coruña deron comezo a unhas protestas en defensa do emprego e dunha mellora nas condicións laborais que remataría coa destrución da nova maquinaria da empresa e dunha boa parte da súa produción. Recuperamos a memoria dun dos fitos fundacionais do movemento obreiro na Galiza.

cIGARREIRAS
photo_camera Cigarreras, cadro elaborado por Gonzalo Bilbao en 1915.

As mobilizacións das traballadoras da Fabrica de Tabacos da Coruña respondían á introdución de novas formas de organización do traballo, derivadas da incorporación doutras tecnoloxías máis modernas, que estaban chamadas a provocar unha importante diminución no emprego e a un deterioro nas condicións laborais. A este respecto, seguindo unha crónica de El País de Pontevedra, o xornal La Iberia, no seu número do 20 de decembro de 1857, sinalaba como causas do conflito “as novas operacións que se estaban ensaiando na fábrica non se prestaban ao costume das cigarreiras e estas sacaban menor xornal. Isto e o descontento co director da fábrica”.

Na mesma liña, o diario El Mallorquín, na súa edición do 27 de decembro de 1857, concretaba con máis precisión os motivos da protesta, afirmando que “se tentaba estender a aqueles talleres a fabricación de cigarros de papel que comezaran a fabricarse en Alacant. Os operarios consideraban escaso o beneficio que lle sacaban a esta clase de fabricación”. Porén, a caída dos salarios xa tiña comezado á mediados da década dos corenta, a consecuencia do que seu deu en coñecer como a “revolución do picado”, manténdose esa tendencia até as décadas finais do século XIX.

A folga das cigarreiras de 1831

As protestas de decembro 1857 líganse á longa tradición de loita das cigarreiras da Coruña. As primeiras novas da súa combatividade remóntanse a marzo de 1831, cando as operarias da fábrica mobilizáronse contra os axustes na produción, que afectaba directamente o seu poder adquisitivo, mantendo unha folga durante varios días e sendo, só, derrotadas tras a intervención do exército.

Ducias de traballadoras foron detidas após enfrontarse ao exercito sendo xulgadas vinte e tres delas

A memoria deste conflito estaba aínda moi presente en 1857 así como a lembranza das dirixentes obreiras duramente represaliadas en 1831, onde destacaron nomes como Antonia Araúxo, Xosefa González, María Cortés, María Cañas, Antonia Cervigón “A Terranova”, Clara Viñas, Xoana Bellón, Xosefa Vázquez, Ceferina Vázquez, Manuela de Parga e Xosefa González.

A ruptura das máquinas

O 7 de decembro de 1857 as tabaqueiras deciden paralizar o seu centro de traballo. Outra vez La Iberia, no seu número do 20 de decembro de 1857, recolle “que o día 7, arredor das once da maña, alborotáronse aquelas catro mil mulleres, acometeron contra os xefes e empregados, destruíron todo o tabaco picado, pitos e follas que tiveron a man, pisándoo e tirándoo ao mar”.

A crónica continúa sinalando como “romperon e deixaron destruídas as máquinas novas para picar tabaco, e que se di custaron 40.000 pesos, tirándoas ao mar, o mesmo, papeis, libros de caixa, móbeis e obxectos que se atopaban na estancia do director”. As informacións aparecidas na totalidade dos medios escritos consultados non presentan, case, diferenzas, xa que todos se limitan a recoller as novas publicadas con anterioridade no xornal El País de Pontevedra.

A protesta das cigarreiras da Coruña é un exemplo paradigmático do ludismo, un movemento xurdido nos momentos iniciais da revolución industrial, caracterizado pola radicalidade dos seus métodos de loita e concretada na destrución de maquinaria, a quen se culpaba de destruír o emprego. A historiografía crítica, pola influencia dos historiadores marxistas británicos, tenlle prestado moita atención a este movemento, definíndoo Eric Hosbawn como “unha forma de negociación colectiva por disturbio” e cualificándoo Eduard Thompson da “expresión máis radical do anticapitalismo nos tempos heroicos do movemento obreiro”.

As traballadores enfróntanse ao exército

A revolta só puido ser controlada coa intervención do exército, que tomou militarmente a fábrica da Palloza. O Diario de Córdoba, na súa edición do 24 de decembro de 1857, destacaba como o 7 decembro “así tiveron novas deste lamentábel suceso, o capitán xeneral e o gobernador civil da provincia deslocáronse ao estabelecemento coas forzas de cabalería e infantería dispoñíbeis, controlando o tumulto ao pouco, malia que as mulleres subiron ao tellado e desde alí tiraron á tropa unha grande cantidade de tellas, deixando sen cuberta unha parte importante do edificio”. Sexa como for o alcance do enfrontamento, as diversas crónicas non dubidan en referir o enfrontamento entre as folguistas e a milicia.

A represión non tardou en bater contra as dirixentes da folga. A propia tarde do 7 de decembro de 1857, ducias mulleres eran conducidas desde a Fábrica de Tabacos da Coruña, “por mar e nunha embarcación das autoridades portuarias ao cárcere público co fin de que as súas compañeiras non molestasen a forza”, non tardando en ser entregadas ao xuíz. O 29 de xaneiro de 1858 comezaba un proceso contra vinte e dúas mulleres na súa condición de dirixentes da protesta, porén o procedemento non chegou a rematarse sendo postas en liberdade e readmitidas no seu emprego.

Unha vitoria da mobilización social

A diferenza do que habitualmente se dá por suposto, a loita das tabaqueiras coruñesas rematou cón éxito. Segundo escribiu Luís Alonso Álvarez , no seu volume As tecedeiras do fume, “sufocada a revolta e restabelecida a normalidade laboral, a introdución da maquinaria adiaríase durante máis de trinta anos e as esixencias de produción atenderíase coa contratación de novas cigarreiras”. Así as cousas, en opinión de Alonso Álvarez, “abandonada na Palloza a introdución de tecnoloxía substitutoria do emprego para atender unha demanda crecente, a Facenda Real tivo que proceder a contratación masiva de persoal feminino para conservar e aumentar uns ingresos en alza derivados do Estanco do Estado”

Comentarios