Flores e música para lembrar a Reboiras

No 40º aniversario do seu asasinato distintos actos de homenaxe recordaron a figura do de Imo.

Moncho

O 12 de agosto de 1975 era abatido a tiros Ramón Reboiras Noia, unha das figuras máis emblemáticas da historia recente de Galiza. Militante nacionalista, quen partillou militancia con el lémbrao "como unha persoa nada dogmática, moi flexíbel, dialogante, que sempre buscaba alternativas, solucións", mais tamén como unha persoa que tiña "unha idea moi clara", que facía falta "ter movementos organizados", a comezar polo obreiro. 

Após 40 anos do seu asasinato na rúa da Terra en Ferrol a mans da Brigada político-social franquista, diversas organizacións e colectivos desenvolveron actos de lembranza e homenaxe naquela rúa ferrolá mais tamén no cemiterio no que repousan os seus restos en Dodro. 

A Unión do Povo Galego (UPG) volveu ao portal 27, coma cada ano desde a súa morte, para depositar un ramo de cravos onde caeu o corpo de Reboiras. O secretario xeral do partido, Néstor Rego, lembrou na súa posterior intervención política non só a Reboiras senón a aquelas persoas que "o acompañaban no fatídico día en que foi asasinado", das que "foron presas nas horas seguintes e o de todos aqueles que tiveron que fuxir da represión e coller o camiño do exilio". 

Rego reivindicou a vixenica do pensamento de Reboiras e reafirmou o "compromiso firme" da formación "á causa pola que deu a súa vida, a da construción dunha Patria libre e sen explotación". 

"Temos a certeza de que a Galiza libre e próspera que queremos será realidade mais cedo do que tarde. Mais temos de creala nós, coas nosas mans, conquistando a independencia nacional e constituíndo o noso propio Estado soberano, a República da Galiza", enfatizou o secretario xeral da UPG quen reafirmou a "cohesión" do seu partido coas "posicións e propostas" lanzadas polo BNG no marco do contexto político que atinxe hoxe Galiza. 

Para alén da rúa da Terra tamén o cemiterio de Imo acolleu senllas ofrendas florais e actos políticos de homenaxe da man da Confederación Intersindical Galega (CIG) e do Movemento Galego ao Socialismo. Neste último, a música de Mini e Mero e a poesía entrelazáronse para lembrar a vixencia do pensamento e loita de Moncho Reboiras. 

Corenta anos despois do asasinato do militante nacionalista as rúas volveron recoller a súa imaxe para a proxectar no futuro. 

Comentarios