Flores e memoria no espazo en que hai cen anos naceron as Irmandades da Fala

Xusto cen anos despois, diante do edificio en que se desenvolveu a xuntanza fundacional das Irmandades da Fala, descendentes e asociacións rendéronlle homenaxe nun acto convocado pola área de Cultura da Deputación da Coruña.

Irmandades da Fala

A vicepresidenta e responsábel da área de Cultura, Goretti Sanmartín, depositou un ramo de flores diante do edificio da Rúa Rego de Áuga da Coruña –con fronte posterior a Rúa da Franxa- en que tal día coma hoxe, o 18 de maio de hai cen anos, unha xuntanza marcaba o inicio das Irmandades da Fala. Canda ela, Elvira Varela Bao, filla de Elvira Bao e Bernardino Varela; Manuel Lugrís, neto de Manuel Lugrís; Pablo González Mariñas, sobriño de Jenaro Marinhas del Valle e Alfonso Posse, cuñado de Álvaro Cebreiro, ademais de representantes de entidades e asociacións como A.C. Alexandre Bóveda, CRMH A Coruña, AS-PG, ou Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega participaron nunha homenaxe na que se recoñeceu o legado das Irmandades da Fala no seu centenario. 

Na homenaxe estiveron presentes Elvira Varela Bao, Manuel Lugrís, Pablo González Mariñas e Alfonso Posse

“Esta homenaxe quere tamén amosar o noso desexo de que os seus ideais se cumpran. Precisamos recoller as súas propostas polo futuro da lingua, que é o futuro do país”, afirmou Goretti Sanmartín nunha intervención na que reivindicou principios das Irmandades como a “autonomía integral para Galiza, en tempos en que se anuncian recortes de competencias, ingreso de Galiza na Liga das Nacións, cooficialidade real, igualdade de verdade, entre galego e español, igualdade de dereitos para as mulleres ou, entre outras, soberanía estética de Galiza”. Destacou o papel fundamental de Ramón e Antón Vilar Ponte e citou de maneira especial ás coruñesas María Miramontes, Elvira Bao, Amparo López Jean ou Teresa e Micaela Chao Manciñeira, que viviron na cidade, excluídas tantas veces do relato histórico. Goretti Sanmartín dedicou tamén e de maneira singular o acto a Alfredo Somoza, activo militante das Irmandades que foi nomeado presidente da Deputación da Coruña en maio de 1931. 

"Todo o que temos foi grazas a eles que sementaron e a nós tócanos recoller e seguir sementando", dixo Elvira Varela Bao

“Partillei moito tempo a falar con Teresa Vilar Chao, filla de Ramón, memoria desa época que seu pai viviu no presente, negándose a aceptar o significado da represión posterior ao golpe militar de 1936”, destacou Goretti Sanmartín.  
Memoria viva é tamén Elvira Varela Bao, filla de nai e pai membros das Irmandades, que reclamou, na súa intervención. “Todo o que temos foi grazas a eles que sementaron e a nós tócanos recoller e seguir sementando”, sinalou Elvira Varela que participa con entusiasmo en cada un dos actos que se desenvolven para recuperar a nosa memoria histórica.

Actos da Universidade, o Concello e a RAG

Desde a área de Cultura da Deputación da Coruña estanse a desenvolver distintas iniciativas co fin de recuperar e transmitir a historia das Irmandades. Alén de apoiar proxectos de entidades e colectivos, a Deputación promove canda a Real Academia Galega e o Museo do Pobo Galego a exposición “Saúde e terra, irmá(n)s!” que se inaugurará a comezos do mes de xuño e que itinerará polas sete cidades galegas neste ano e logo circulará por distintos concellos da provincia. 

Esta mesma tarde, na xornada en que se conmemora o centenario do acto fundacional das Irmandades, o profesor e investigador Uxío Breogán Diéguez imparte un relatorio no acto oficial da Universidade da Coruña e o Teatro Rosalía de Castro acolle o acto literario e musical organizado pola Real Academia Galega e o Concello da Coruña coa actuación dos coros Cantigas e Agarimos, Cántigas da Terra, Coral de Ruada e Real Coro Toxos e Froles ademais dos recitados por parte de Fina Casalderrey, Pedro Fernández, Carmen García Rodeja, Cristina Lombao, Manuel Lugris, Orleni Mateo, Isabel Risco e  Manuel Rivas con Estíbaliz Espinosa como mantedora.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios