Unha aproximación ás vítimas e aos vitimarios

O que fixeron na Limia en xullo e agosto de 1936

O que tiña que ser soamente un golpe militar comezou ás 5 da tarde do 17 de xullo de 1936 en Melilla. Coa proclama que ía asinada polo xeneral Franco; este falido golpe de estado militar deu paso a un enfrontamento fratricida de tres anos. 
Mitin falanxista desde o domicilio do alférez Pinel. (Foto: Arquivo Edelmiro Martínez Cerredelo)
photo_camera Mitin falanxista desde o domicilio do alférez Pinel. (Foto: Arquivo Edelmiro Martínez Cerredelo)

O golpe de Estado

Apenas se tivo coñecemento en Sandiás de terse declarado o alzamento, os partidarios do golpe de Estado, Darío Miranda, cura párroco de Sandiás; Agapito Feijóo, que sería nomeado alcalde polos golpistas; Urbano Santana e seu irmán Camilo, e posibelmente Xosé María Penín Añel, saen esa noite ás rúas acompañados de máis persoas “de orde” e fortemente armados, alentados e dirixidos pola Garda Civil de Xinzo, dispostos a enfrontarse co grupo de elementos republicanos para evitar que recibisen reforzos e, sobre todo,  para impedir que lles chegasen armas dunha camioneta, que segundo informacións estaban esperando. Feito o pronunciamento militar en Marrocos, os dirixentes falanxistas de Xinzo, entre os que se atopaba o xefe local, José Prieto Puertas, “tomó parte como Jefe de Falange de todas las columnas que se organizaron en los partidos de Ginzo y Verín, con gran ardor patriótico para limpiar de elementos rojos los citados partidos”.  

Feita en Ourense o día 20 a declaración de estado de guerra, seguidamente falanxistas e requetés, xunto con “elementos de orde” non encadrados en ningunha organización, concentráronse no Concello de Xinzo -sede da Comandancia Militar-, para se pór a disposición dos golpistas.

Todos eles foron armados nestes primeiros días e organizadas as milicias dispostas a controlar a comarca; por unha banda, a milicia oficial composta de Carabineiros, Garda Civil e soldados do Rexemento procedentes de Ourense, e, por outra, milicianos falanxistas, das Juventudes de Acción Popular (JAP) e tradicionalistas, que, na maior parte das veces, actuaban conxuntamente. As primeiras decisións foron estabelecer controis de milicianos e gardas nas estradas e facer descubertas polos pobos e concellos da comarca. As milicias en Xinzo foron organizadas polo tenente Aquilino López, o xefe da falanxe Xosé Prieto e o alférez da Garda Civil Piñel. 

O papel dos cregos 

Na organización das milicias tamén participaron algúns curas de distintas parroquias que se afiliaron á Falanxe nos primeiros días do alzamento, caso do párroco de Seiró (Vilar de Barrio), Braulio Iglesias  “Garabullo”, nativo de Barrio, que persoalmente acompañaba, pistola no cinto e coa escopeta en bandoleira, os milicianos da zona a practicar detencións”1; Darío Miranda, párroco de Sandiás, -quen armado en compañía doutros paisanos saíu a rúa, xa na noite do golpe de Estado-  ou Cándido Vázquez, camisa vieja (párroco de Codosedo).

Tamén Manuel Quintela Sanfiz, cura de Tosende (Baltar), que xa viña colaborando cos falanxistas que andaban a preparar o alzamento, e que informa en xaneiro do 37 contra o mestre de Meaus: “que no puede comprender por qué razón en la actualidad tiene vida este hombre, pues siempre ha de ser un traidor a la Nueva España”. 

Benito Vázquez, cura de Texós (Baltar) -informando en contra do mestre do pobo-;  Xulio Vázquez, cura de Lobás, quen  escribe do mestre: “Estaba casado civilmente y era escandaloso [...] me consta que es de fondo izquierdista”. Tamén o cura de Rubiás, Manuel Quintela e de Randín, Luciano Rodríguez, con informes da mestra de Rubiás (Calvos de Randín): “Esta maestra está casada con un hombre comunista [...] y no solo lo repudia, sino que hace causa común”; ou cando o párroco de Rubiás, Enrique Durán informa sobre o mestre de Paradela (Calvos): “a mi parecer al Partido Comunista”. 

Os informes negativos do mestre de Paradela (Porqueira) emitidos polo párroco Xoán Portabales: “Perteneció y propagó ideas del Frente Popular [...] Vivió amancebado y no bautizaba a sus hijos”. Ou o cura de Sabucedo (Porqueira), sobre o mesmo mestre: “perteneció a sociedades secretas, su conducta política, soviética, moral y escandalosa”. Tamén o informe do párroco de Piñera de Arcos, Xosé Ramón Rodríguez Santana, criticando o mestre de Corga sobre o divertimento da xuventude nos fiadeiros: “Era un acérrimo izquierdista [...] acompañaba a los mozos a los hilanderos (sic) hasta las dos de la mañana (¡vaya unos maestros!)”.

Apetéceche continuar coa lectura deste capítulo de 'Os nomes do terror'? Atoparás esta entrega do coleccionábel no Nós Diario que atoparás esta quinta feira no quiosque ou na loxa para a súa lectura na nube. Para non perder parte da túa historia, subscríbete xa!

Comentarios