A Fiscalía recorre a absolución do escultor coruñés que pintou a tumba de Franco porque "merece reproche penal"

A Audiencia madrileña absolveuno o pasado 18 de xaneiro en contra do criterio do fiscal, que solicitaba un ano de cárcere por un delito contra a liberdade de conciencia por interromper un acto relixioso.
O escultor Enrique Tenreiro, momentos antes do xuízo decorrido en Madrid o pasado decembro por pintar a tumba do ditador (Foto: Cézaro De Luca / Europa Press).
photo_camera O escultor Enrique Tenreiro, momentos antes do xuízo decorrido en Madrid o pasado decembro por pintar a tumba do ditador (Foto: Cézaro De Luca / Europa Press).

A Fiscalía de Madrid vén de recorrer a sentenza que absolve o escultor coruñés Enrique Tenreiro dos delitos contra a liberdade de conciencia e de actos de profanación por realizar en outubro de 2018 unha pintada na antiga tumba do ditador Francisco Franco, na basílica do Val dos Caídos.

O representante do Ministerio, que solicitaba un ano de prisión e unha indemnización a Patrimonio Nacional do Real Sitio de San Lorenzo do Escorial de 833,41 euros "polos danos e prexuízos causados", entende que a conduta despregada polo acusado, "tal e como se recolle nos feitos probados e como resultado da proba practicada no xuízo oral", é merecedora dun reproche penal.

No seu recurso, a Fiscalía explica que a acción de debuxar a pomba da paz, xunto ao texto "pola liberdade", e que dixese en voz alta "pola reconciliación dos españois", non pode entenderse amparada na liberdade de expresión. Entende, deste modo, que os feitos tiveron lugar no interior da basílica do Val dos Caídos, "o cal constitúe un lugar especialmente reservado para a reunión dos que profesan a relixión católica".

Aliás, incide en que levou a cabo esta acción na zona do altar maior e cos preparativos en marcha para a celebración dunha misa, "nun momento no que os nenos da Escolanía estaban xa accedendo ao coro e os sacerdotes celebrantes da Eucaristía, dirixíndose ao altar maior", motivo polo cal se atrasou o inicio da misa.

"É evidente —engade a Fiscalía—, que o acusado se extralimitou na forma de manifestarse ao vulnerar sen ningunha necesidade a liberdade relixiosa e de culto, pois ben podía despregar a súa conduta a modo de protesta en calquera outro lugar que non fose de culto". No escrito tamén se subliña que nestes feitos concorren os elementos constitutivos do tipo penal consistentes en "impedir, interromper ou perturbar [un evento relixioso]", e o mecanismo comisivo recollido no precepto penal, consistente no exercicio de "violencia, tumulto, ameaza ou vías de feito".

Así, lembra que no presente caso houbo unha interrupción por unha vía de feito, porque "aínda que o acusado tiña dereito a expresar algo tan loábel como unha reconciliación dos españois e debuxar unha pomba co texto pola liberdade, non era procedente na basílica e no momento no que ía principiar a misa, que se viu detida".

Neste punto fai fincapé en que o propio Tribunal Supremo considerou que "interromper non é outra cousa que cortar a continuidade de algo no lugar ou no tempo, o que indubidabelmente supón unha perturbación". Por último, a Fiscalía pon de manifesto que a conduta axuizada alcanzou unha "gran relevancia" debido ao feito de que o acusado se fixo acompañar doutra persoa para gravar os feitos e obtiveron unha "gran repercusión mediática coa difusión das imaxes".

Ademais, descarta que a perturbación orixinada polo acusado fose menor, "porque a misa foi suspendida e até que o acusado non foi detido e sacado da basílica non se puido desenvolver con normalidade". Con todo, Tenreiro alegou no xuízo que no momento no que accedeu ao recinto para realizar a súa performance "descoñecía" que se estaba a celebrar unha misa.

Comentarios