Figueirido incorpórase ao mapa de lugares da memoria

A prisión franquista de Figueirido incorpórase aos lugares de recuperación da memoria histórica cun acto que o vindeiro domingo día 22 organiza o colectivo A Regaduxa. 

Regaduxa
photo_camera Acto da Regaduxa

A Illa de San Simón, Lavacolla, a Caeira, a Volta dos Nove... o mapa do territorio galego está inzado de espazos que, por vontade maiormente das asocicións de recuperacións, foron incorporándose á xeografía da memoria. O colectivo A Regaduxa (Memoria Histórica de Vilaboa) vai incorporar a que fora prisión franquista de Figueirido a estes espazos nos que a memoria agroma despois de anos de silenciamento. 

Con este obxectivo, o vindeiro domingo 22 de xuño organizarase un acto no local social de Postemirón (Vilaboa) ás 20 horas no que intervirán a integrante da Regaduxa e veciña de Postemirón, Tareixa Carro, a veciña de Figueirido e filla dunha das mulleres que axudou aos presos, Mercedes Farto e o estudoso da historia da prisión franquista de Figueirido, Xosé Enrique Acuña. 

En Figueirido estiveron recluídos máis de 1.000 presos, en especial galegos, asturianos e cántabros, obrigados a realizar traballos forzados e en condicións de vida de extrema dureza. Desde a Regaduxa queren render homenaxe  “e facer simbolicamente xustiza cos que sufriron prisión neste lugar, cos que o tiveron como corredor da morte antes de seren fusilados en Pontevedra, cos que morreron a consecuencia de enfermidades e da mala alimentación, coas familias que se trasladaron a vivir ás aldeas próximas ao cuartel, e coa veciñanza de Salcedo, Vilaboa, Figueirido, etc. que axudou aos presos a sobrelevar as duras condicións do cárcere”.

Unha placa da memoria 

A Regaduxa busca, polo tanto “acabar co silenciamento” da terríbel historia de Figueirido e inicia unha campaña que ten como fin demandar do Ministerio de Defensa a colocación dunha placa no cuartel que recupere a súa memoria como espazo de represión franquista e de lembranza das persoas que estiveron presas por defenderen os seus ideais democráticos. 

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios