domingo 25/07/21

Ferrolterra lembra os seus 1.000 asasinados polo franquismo

A Comisión Pro-Memorial esixe ao Concello de Ferrol que levante o monumento comprometido en dous plenos
franquismo-min

A Comisión Pro-Memorial as Vítimas do Franquismo realizou no mediodía deste domingo, día en que se fan 85 anos do golpe de estado de 1936, unha homenaxe ás perto de 1.000 persoas asasinadas que rexistrou a comarca de Ferrolterra até 1976. Unha pancarta cos seus nomes e apelidos que se despregou na Praza de Armas de Ferrol presidiu un evento no que tamén se volveu a esixir o Concello que cumpra co contido dos acordos plenarios de 2017 e 2020 para erixir un monumento na súa memoria.

Antes da lectura das 984 vítimas do golpe e da represión franquista documentadas até o momento polos historiadores Xosé Manuel Suárez e Bernardo Máiz -- relación, incidiron os membros da comisión, non é definitiva-, os portavoces do colectivo reclamaron este monumento que, segundo explicou Anxo Ferreiro, "Ferrol merece".

"Estamos aquí", dixo Ferreiro, "para lembrar a estas persoas que deron a vida pola democracia, pola xustiza e por unha legalidade que eles non destruíron; quen a destruíu foi o franquismo e o réxime atroz que comezou aquel día de hai 85 anos".

No manifesto, que en nome da Comisión Pro-Memorial leu Tom Blancom lembrouse que, aínda que a homenaxe céntrase nos asasinados, "vítimas houbo moitas máis: detidos, torturados, encarcerados, desterrados, exiliados e vilipendiados nos campos de concentración". Fusiladas, "paseadas" ou a través da aplicación da Lei de Fugas, as 984 persoas homenaxeadas este mediodía, incidiu Blanco, "foron vítimas de execucións extraxudiciais ou dos consellos de guerra nos que prevalecía a indefensión e a práctica de terrorismo de Estado".

"Estes homes e mulleres que viviron o terror imposto por unha ditadura atroz e que sufriron persecución e represalias e que, a pesar do enorme risco, deron a vida polos valores democráticos, pola liberdade e en contra do fascismo merecen o noso recoñecemento", engadiu. Ese recoñecemento que, dixo, aínda non se produciu "polo deixamento" do Concello, ao que instan a levantar "xa" o memorial.

Pola súa banda, Iván Rivas, portavoz do BNG no Concello de Ferrol, subliñou que "o que sucedeu aquí todos eses anos non foi unha guerra, senón un exterminio". Referiuse os 4.699 galegos que pagaron coa súa vida o "terror fascista" só nos tres primeiros anos desde a sublevación.

Rivas tamén denunciou a "campaña de propaganda permanente e constante para edulcorar e branquear o que se fixo durante todo ese tempo" e que, froito dela, "segue existindo medo e violencia latente nunha sociedade e un Estado que considera que votar e o dereito de autodeterminación é un delito de sedición".

Para o membro da Comisión é "intolerable que a día de hoxe haxa organizacións políticas como o PP que pretendan seguir xustificando e branqueando o que ocorreu" e insistiu en que "estamos aquí para poñer un punto de inflexión, para que a partir de agora podamos construír o futuro sobre a verdade e evitar que nada como isto volva suceder".

comentarios