luns 24.02.2020

Familiares das vítimas galegas do Holocausto piden xustiza

No ano no que se celebra o décimo aniversario da presentación da querela arxentina polos crimes do franquismo, familiares das vítimas galegas do réxime nazi presentan ante o Consulado Xeral da Arxentina en Vigo 20 denuncias que se unirán á causa aberta no país austral.

Familiares das vítimas na porta do consulado da Arxentina en Vigo. (Foto: Nós Diario)
Familiares das vítimas na porta do consulado da Arxentina en Vigo. (Foto: Nós Diario)

Francisco Pena Romero, Arturo González Bastos, Ramón Garrido Vidal, José Ferradas Pastoriza, Domingo Castro Morales... nomes galegos e anónimos que agochan baixo a pátina do esquecemento unha historia oculta de persecución vinculada á páxina máis negra da humanidade: Mauthausen, Dachau, Natzweiler-Struthof, Neuengamme...

Agora, após case 75 anos da caída do réxime nazi que os confinou, torturou e asasinou, as súas familias, da man da Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH), presentaron ante o Consulado Xeral da Arxentina en Vigo un total de 20 denuncias, que se unirán á causa aberta no país austral polos crimes de lesa humanidade cometidos durante a guerra civil española.

"É a primeira vez que se presentan estas denuncias no Estado español", apunta para Nós Diario Carmen García-Rodeja, portavoz da ARMH, que engade que o momento coincide "co décimo aniversario da presentación da querela arxentina".

España "abandonounos"

A investigadora explica que hai historias "terríbeis" de galegos "mortos de fame e de disentería nos campos de refuxiados". 

"Logo de loitar na guerra con Francia e os alidados na Liña Maxinot, en lugares  como Dunquerque ou na Resistencia foron recluídos en campos de prisioneiros de guerra, ante a inhibición do Goberno franquista. O seu país, España, abandonounos, no Goberno do Estado eran coñecedores do que estaban pasando e non fixeron nada por eles", apostila.

Non obstante, García-Rodeja aclara que a entrega destas denuncias ante a Administración arxentina non é o final do procedemento, xa que desde a ARMH seguen a traballar "coas familias, das que ninguén se lembra, para compilar documentación, actualizar listas e axudarlles a elaborar as denuncias".   

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario, á venda nos quioscos, ou na súa lectura na nube

comentarios