A familia Franco só permite visitar o Pazo de Meirás os catro últimos días en agosto

Máis un verán e máis un ano en que o acceso restrinxido ao Pazo de Meirás é unha realidade. Namentres no mes de xullo era posíbel visitar o inmoble tal e como dita a lexislación, as sextas feiras –un total de cinco días-, no mes de agosto só se poderá acceder os catro últimos días do mes.

Pazo_de_Meirás_05
photo_camera Exterior do Pazo de Meirás

A ninguén se lle ocorrería que a descendencia de Adolf Hitler ou a de Benito Mussolini puider gozar das riquezas que os ditadores espoliaran ao pobo. Porén, na Galiza, isto segue a ser unha realidade no caso do Pazo de Meirás, onde habitualmente veranea a familia Franco. Máis un ano comprobamos como as portas deste histórico inmoble non están a abrir nas sextas feiras do mes de agosto, ao contrario do que recolle a lexislación.

A normativa indica a obriga de abrir as portas do pazo –por se tratar dun conxunto que foi declarado Ben de Interese Cultura (BIC)- as sextas feiras. Porén, descubrimos como durante o mes de agosto as portas do inmoble que foi espoliado ao pobo sadense mediante “impostos” se atopan clausuradas. Para se facer Franco co pazo propiedade da familia Emilia Pardo Bazán, as nóminas dos traballadores públicos eran retalladas e obrigábase os concellos da comarca da Coruña a achegar máis dun 15% dos orzamentos municipais para este fin, segundo ten denunciado a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña.

As visitas

O portal web institucional de Turismo informa da apertura do pazo as sextas feiras do mes de xullo e setembro. Porén, advírtese de que en agosto só se poderá visitar o pazo os catro últimos días do mes: 28, 29, 30 e 31, presumibelmente, polo uso vacacional por parte da familia de Franco. En 2015 nin sequera abriu as portas no mes de agosto, ao igual que en 2014. Precisamente, en 2014 a polémica incrementárase após publicar unha revista de corte sensacionalista unha ampla reportaxe dunha neta de Franco no pazo.

Para visitar o inmoble e os seus xardíns hai que solicitar previamente a entrada mediante correo electrónico e prohíbese tomar fotografías e vídeos. Tamén é público un teléfono móbil que, en reiteradas chamadas de Sermos Galiza, non estivo operativo.

Comentarios