Faleceu Camilo de Dios, o guerrilleiro que non choraba

Natural de Sandiás, onde naceu en 1932, faleceu aos 87 anos de idade. Integrouse na guerrilla antifranquista con 15 anos. “O meu soño sigue sendo a república, a liberdade, a igualdade e a democracia”, recoñecía nunha entrevista en Sermos Galiza.

camilo de dios
photo_camera camilo de dios

Faleceu Camilo de Dios aos 87 anos de idade. Era o derradeiro guerilleiro antifranquista galego que fica vivo de entre os centos de homes e mulleres que combateron coas armas na man un réxime, o franquista, que os perseguiu con saña e crueldade.

Camilo era o guerrilleiro que non choraba. Non chorou cando foi salvaxemente torturado nun cuartel, nin cando a súa nai foi detida e condenada a prisión por ser enlace da guerrila.Tampouco chorou cando se enterou, estando preso, do asasinato do seu irmán, Perfecto, en Ávila. Fillos ambos os dous do fundador do Partido Comunista en Sandiás. Tampouco chorou cando, en 2014, a Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica grazas á axuda económica dun sindicato noruegués, localizou a foxa onde esta enterrado o seu irmán e exhumou o corpo para lle dar un enterro digno, a loita de Camilo durante as últimas décadas. Mais, recoñecía, choraba vendo unha película. Mais non polo que lle tocou sufrir. "Pasei moitas. Se tivera que me emocionar e chorar por cada unha... Pasei tantas...", afirmaba.

Camilo de Dios (Sandiás, 1933) é fillo de Jesús de Dios e de Carmen Fernández Seguín, tamén guerrilleira. Segundo conta Bernardo Máiz, comezou como enlace da guerrilla desde novo, ás veces como tapadeira da súa nai, viúva desde 1945. A súa primeira acción foi en 1947, cando con outros catro adolescentes lles “expropiaron” fusís e pistolas aos falanxistas de Vilar de Santos. Logo entrou na clandestinidade armada e alí continuou até a batalla do 18 de marzo de 1949, cando logo dun combate no que morreron dous gardas civís e tres guerrilleiros, detivérono e logo conmutáronlle a pena de morte por 30 anos na cadea, xa que tiña aínda 17 anos. 

Comentarios