A Fundación Francisco Franco, cos días contados? Cultura inicia os trámites para a súa extinción

A Xustiza terá a última palabra neste procedemento anunciado esta quinta feira polo ministro de Cultura, Ernest Urtasun.
O ministro de Cultura, Ernest Urtasun. (Foto: Jesús Hellín / Europa Press)
photo_camera O ministro de Cultura, Ernest Urtasun. (Foto: Jesús Hellín / Europa Press)

O Ministerio de Cultura iniciou un período de actuacións previas coa finalidade de obter a información e elementos de xuízo que poidan motivar o procedemento para instar xudicialmente a extinción da Fundación Nacional Francisco Franco. O acordo foi asinado polo ministro de Cultura, Ernest Urtasun, ao abeiro da Lei de Memoria Democrática e no marco das funcións do Protectorado de Fundacións de competencia estatal, precisaron desde o departamento.

O propio ministro difundiu esta quinta feira un vídeo nas súas redes sociais anunciando o procedemento. É responsabilidade do seu departamento, dixo, "cumprir escrupulosamente" coa Lei de Memoria Democrática. "Así o fixemos, así o estamos facendo hoxe e así o seguiremos facendo", apuntou. Urtasun explicou cales serán os seguintes pasos a dar a partir deste paso, até chegar á responsabilidade última do Ministerio de instar a Xustiza á extinción da devandita fundación, "tendo os xuíces a última palabra".

Cultura solicitou un informe á Secretaría de Estado de Memoria Democrática sobre o posíbel incumprimento da lei por parte da Fundación Franco. Ábrese así un período de recompilación de información no que participarán tamén as asociacións de memoria e, unha vez concluída a instrución e co previo informe da Avogacía do Estado, procederase á solicitude do Ministerio.

En concreto, a lei estabelece na súa disposición adicional quinta que "concorrerá causa de extinción cando as fundacións non persigan fins de interese xeral ou realicen actividades contrarias ao mesmo". E engade que, "para estes efectos, considérase contraria ao interese xeral a apoloxía do franquismo que enxalce o golpe de Estado e a ditadura ou enalteza os seus dirixentes, con menosprezo e humillación da dignidade das vítimas do golpe de Estado, da guerra ou do franquismo, ou incitación directa ou indirecta ao odio ou violencia contra as mesmas pola súa condición de tales".

Nestes casos, sinala a norma, corresponde ao Protectorado de Fundacións instar xudicialmente a extinción da fundación por concorrencia desta causa. Cultura indicou que o procedemento se desenvolvería en tres fases. A primeira, o inicio de actuacións previas que agora comeza, consistente na petición de informes á Segretaría de Estado de Memoria Democrática e ao Rexistro de Fundacións de competencia estatal.

A segunda será a apertura do procedemento, que comezaría coa comunicación do expediente á mencionada fundación e a apertura do correspondente período de alegacións. Por último, solicitaríase un informe á Avogacía Xeral do Estado, a partir do cal o Ministerio de Cultura elaboraría unha resolución para demandar xudicialmente a extinción. Finalmente, a resolución do procedemento será decisión dos xuíces.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios