Unha exposición repasa medio século de loita en Galiza da man da UPG

A Fundación Bautista Álvarez e a Asociación Cultural O Galo inauguran a mostra A nación galega. 50 anos da fundación da UPG esta terza feira (20h) no Pazo de Fonseca. 

UPG
photo_camera [Imaxe Fundación Bautista Álvarez]

A Biblioteca Xeral da USC, localizada no Pazo de Fonseca (Compostela) acolle a partir desta terza feira (2 de novembro) e até o vindeiro 3 de xaneiro a exposición A nación galega. 50 anos da fundación da UPG. Unha recompilación de numerosos materiais arredor do partido político que re-fundou o nacionalismo galego en 1964 mais que visa ser, sinala María Antonia Pérez --comisaria da mostra-- "unha homenaxe a toda a súa militancia e ao conxunto do pobo galego". 

A exposición está composta por 8 expositores e 8 paneis que se extenden polo Salón do Artesanado e a capela de Fonseca, xunto con 6 vitrinas. Fotografías, documentos políticos, publicacións e outros moitos materiais seleccionados a partir do arquivo da UPG e doutras entidades, como a Fundación Manuel María, A Nosa Terra ou a CIG, estruturan un percorrido que vai, para alén da pegada deixada pola organización política, por algúns dos momentos máis relevantes da historia contemporánea galega. 
 

Unha homenaxe ao pobo galego

"A exposición está concibida como unha grande homenaxe a toda a militancia, á actual e á que xa non está presente, mais tamén é un enorme agradecemento e valorización da loita do pobo galego", sinala María Antonia Pérez, presidenta da Asociación O Galo e comisaria da mostra. "Unha vez manexada a documentación vimos a enorme participación de persoas anónimas na defensa dos seus dereitos e da xustiza social", acrecenta. Razón, pola que a Fundación Bautista Álvarez quixo pór como protagonista a Galiza no cincuenta aniversario da fundación da UPG. 

"A exposición está concibida como unha grande homenaxe a toda a militancia"

Na mostra, conviven documentos recuperados dos anos de clandestinidade coa "axuda de varios militantes que os atesouraban nas súas casas", sinala María Antonia Pérez. Entre eles, os primeiros números do boletín da UPG, o Terra e Tempo, editados en Mexico, Venezuela e París, xunto con fragmentos do arquivo da formación política que viaxou desde Paris, Xenebra e Porto --nos anos setenta-- até Galiza após a morte do ditador Francisco Franco. 
 

Xove, Baldaio, As Encrobas e Londres

Xunto a eles, érguense fotografías de grande formato que repasan intres sobradamente (re)coñecidos polas persoas que se acheguen a visitar a exposición. Desde a instantánea da propia xornada de fundación da UPG até o momento de se integrar no Bloque Nacionalista Galego na Asemblea de Riazor (1982), pasando polas inmensas mobilizacións contra a cota empresarial, as tractoradas, as marchas de Xove e Baldaio, a loita das Encrobas ou unha pouco coñecida fotografía da manifestación "a Londres" contra os "residuos radioactivos", apunta Pérez. 

A exposición inaugúrase esta terza feira ás 20h

Campañas en defensa da lingua e dos dereitos da clase traballadora agrúpanse en torno a diverso material organizativo, entre outros, a prol dos dereitos das mulleres e "contra o terrorismo machista", pódese ler nun dos colantes que se atopan na mostra e que data de hai máis de 10 anos.

O Salón do Artesanato, que foi a primeira sede do Parlamento de Galiza, acolle tamén unha imaxe das primeiras sesións parlamentares na que o militante da UPG e deputado, Lois Diéguez intervía perante o plenario días antes de ser expulso por se negar a xurar a Constitución. 

Anacos de historia que ven a luz para goce das persoas que se acheguen até o Pazo de Fonseca esta terza feira ás 20.00h.  

Comentarios