A bandeira galega, no centro do universo artístico

A mostra co gallo dos 100 anos desde que este símbolo se utilizou no Concello da Coruña seguirá aberta en Sada até esta fin de semana. Queres saber onde a poderás ver despois?
Representantes políticos visitan a exposición. (Foto: Torrecilla)
photo_camera Representantes políticos visitan a exposición. (Foto: Torrecilla)

'1921-2021. 100 anos da bandeira galega no Palacio municipal da Coruña', unha exposición histórica na que artistas da plataforma Coruña Gráfica xogan co símbolo, continúa aberta ao público na Casa da Cultura Pintor Llorens de Sada. É un bo plan para aproveitar os últimos días das vacacións de nadal, mais haberá algunha oportunidade máis para gozar desta proposta cominariada por Manel Cráneo e Henrique Torreiro.

Antes de que feche a mostra tamén houbo unha visita política na que participaron, esta cuarta feira, a deputada de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña, María Muíño; o alcalde de Sada, Benito Portela, e a concelleira de Normalización do municipio, Marisa Rúa, que seguiron as explicacións do ilustrador Calros Silvar.

O pintor quiso achegar ás autoridades o obxectivo desta iniciativa que se organizou co gallo dos 100 anos do día en que a bandeira galega ondeou por primeira vez na historia nun edificio institucional.

Neste caso, foi o Pazo consistorial da Coruña o que presumiu do país o 25 de xullo de 1921. Agora a bandeira revisítase cunha ampla "variedade de estilos", pois moitas persoas creadoras participan do proxecto.

Achegamento ao público

Silvar incidiu no "gran nivel técnico e artístico" das ilustracións, algunhas das cales xogan coa franxa azul. No percorrido deste 5 de xaneiro a deputada María Muíño considerou "un gran acerto" que Coruña Gráfica apostara na ilustración -e tamén na banda deseñada- para facer "máis accesíbel e atractiva" este elemento identitario e a súa historia recente.

De feito, a iniciativa inclúe tamén un cómic que afonda no nacemento da bandeira. Para a súa creación os debuxantes Rubén Rial e Alberto Taracido contaron co asesoramento do historiador Xosé Alfeirán.

Visións persoais

As e os artistas que "ofrecen unha versión particular e persoal da bandeira galega en diversos contextos" son Branda, Uxío Broullón, Aurora Cascudo, Iria do Castelo, Miguel Cuba, Alberto Díaz, Brais Fierro, Héctor Francesch, Alberto Guitián, Uxía Larrosa, Antón Lezcano, Jorge Peral, Perdivel, Xulia Pisón, Javier de la Rosa, Irene Sanjuán, Luís Sendón e o propio Calros Silvar.

Próximas citas

Após o feche en Sada, a mostra xirará por Compostela, Carballo, San Sadurniño e Ribeira ao longo deste ano.

Comentarios